A comarca na Limia está en mínimos anuais segundo os datos facilitados onte aos concellos polas autoridades sanitarias. A 1 de xuño rexistrábanse na Limia 62 casos activos. Máis da metade en Xinzo, onde se anotaban 34 casos. A evolución do coronavirus en Xinzo foi practicamente unha curva plana durante o mes de maio. Alcanzou o seu pico o día 13, con 51 casos, e o seu nivel máis baixo o día 24 con 29 rexistros. Esa foi a cifra máis baixa desde o 8 de abril, cando se anotaron 25 casos.
Malia as cifras de Xinzo, as da comarca si que marcan mínimos anuais. Os 62 casos activos onte son o número máis baixo nos cinco meses anteriores. No último mes a situación mellorou en Baltar, Rairiz de Veiga e Trasmiras, hoxe con poucos contaxios activos. Porén, durante o mes de maio só houbo un concello que permaneceu varios días sen rexistro ningún. Foi Calvos de Randín.
A respecto de hai sete días, a redución comarcal foi dun 13%. Se o prazo de referencia se amplía a catro semanas, a baixada foi dun 35%. Así leva o coronavirus desde finais do inverno, nun descenso lento e constante.
Así están os rexistros a 1 de xuño:
(variación desde o venres 6 de maio)
BALTAR (variación -8) 1 (activos)
OS BLANCOS (-2) 2
CALVOS DE RANDÍN (+1) 2
PORQUEIRA (+5) 8
RAIRIZ DE VEIGA (-10) 1
SANDIÁS (+1) 2
SARREAUS (-3) 2
TRASMIRAS (-10) 2
VILAR DE BARRIO (-4) 2
VILAR DE SANTOS (+2) 6
XINZO DE LIMIA (-7) 34
A Dirección Xeral de Saúde Pública informou hoxe que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.710, deles 1.227 son da área de Ourense. Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 430 en unidades de hospitalización e 8.263 no domicilio, di o SERGAS. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 3.508 falecementos.