jueves. 21.11.2024

O forno, as ovellas, o carro da burra, o xardín sensorial, o carballo con botas... nenas e nenos de colexios de diferentes comarcas da provincia viviron unha experiencia no rural que foi e o que queda del en Lodoselo, un pobo escola desde hai xa tres décadas da man do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.

O programa chega aos meses fortes en maio e xuño. Para a próxima semana están previstas as visitas de escolares do colexio María Inmaculada de Verín, o luns e o martes; do colexio de Castrelo de Val, o xoves; e do de Seixalbo (Ourense), o venres.

Tres educadoras reciben aos escolares a primeira hora da mañá. Ofrecen unha rápida explicación do que é o CDR O Viso e Lodoselo, que significa o rural. Despois van ao forno comunal, onde unha veciña ensínalles ás cativas a preparar o pan. Amasan, limpan o forno, decoran os bolos e enfornan. Despois levarán eses pans para a casa. 

Antes de que coza o pan, unhas terán dado un paseo no carro da burra; outros, acomodado as ovellas ou recollido os ovos. Hai tempo para un contacontos. O conto que bota é o do Carballo con botas, de temática ambiental, unha obra de Anxo Moure, ecoloxista e pacifista.

O Viso incorporou á visita un paseo polo xardín sensorial, unha horta onde se experimentar olores, texturas e xogos ao redor dos sentidos. “Sons, cores, cheiros, tactos e sabores novos perseguen captar a atención dun público crítico e sincero que obriga á excelencia en cada visita”, anotan os responsábeis do CDR O Viso nun comunicado difundido este luns.

Esta mesma semana, o xardín sensorial recibirá a visita de usuarias e usuarios de Limisi.

Para as visitas escolares está prevista tamén a plantación dun pradairo, que as nenas e nenos levarán para as súas casas nun dispositivo elaborado reutilizando un cartón de leite. Este ano hai un pequeno cambio, advirten desde O Viso. “O burro Fariñeiro, que tanta xente paseou e tanto ensinou, dende o ano 2008 na nosa compaña, faille o relevo a súa filla Terra”.

NOTICIAS A LIMIA | Maio empeza en Lodoselo co programa Pobo Escola