Os socialistas José Luis Rodríguez e José Luis Álvarez volveranse presentar ás eleccións municipais de maio como os líderes dos PSdeG-PSOE nos concellos de Muíños e Bande, respectivamente. Os dous chegarán aos comicios con proxectos que buscan obter melloras nas súas localidades que axuden ao desenvolvemento dos territorios.
En Muíños, Rodríguez e os socialistas que o acompañan márcanse o obxectivo de "liberar ós veciños e veciñas da situación caciquil na que viven" e apostan por rematar "con este tipo de actuacións caciquís e feudais que se levan practicando no concello nos últimos anos". O sue proxecto, "de futuro e ilusionante", busca mellorar a calidade de vida da veciñanza e "frear o despoboamento para que Muíños poida medrar".
A loita pola continuación da autovía de Celanova ara a fronteira con Portugal e a creación dunha área empresarial para a Baixa Limia, son "elementos claves para revitalizar o noso municipio e a comarca" polos que traballará Rodríguez. Ademais, lograr unha "nova xestión para a Reserva Transfronteriza do Xurés", é outra das súas metas para lograr que este espazo sexa un referente que atraia turismo e visitantes.
O candidato do PSdeG-PSOE tamén aproveita para denunciar que en Muíños "non existe a liberdade de expresión" e critica a política de control "absoluto" levada a cabo polo alcalde, xa que segundo relata "é total, vixiando que a veciñanza vaia votar". Tamén apunta a que en Muíños "temos un padrón municipal incrementado en 400-500 persoas, o que leva que teñamos un censo ficticio, con persoas empadroadas en casas sen luz e incluso varias unidades familiares nunha mesma vivenda".
No caso de Bande, Álvarez preséntase de novo tras quedar a menos de 200 votos de gañar a alcaldía nas anteriores eleccións, polo que os socialistas banduenses aspiran a dar un salto que lles permita gobernar para rematar con anos de "clientelismo" e "caciquismo". O candidato sinala que, nos últimos catros anos, "pouco mudou en Bande, cunha poboación envellecida que cada ano perde máis habitantes".
O reto de Álvarez é traballar "a prol da veciñanza, co obxectivo de aumentar os apoios necesarios para poder gobernar o municipio”, xa que tal e como apunta "nas eleccións de 2019 recibimos moitísimo apoio na vila, e agardamos que nesta ocasión tamén contemos co apoio dos veciños e veciñas do resto de parroquias para que Bande saia dunha vez por todas do pozo no que está sumido".
Ademais, Álvarez manda unha mensaxe de "esperanza" a toda a mocidade banduense, especialmente a aqueles que non teñen traballo, xa que "o noso obxectivo é crear novos postos de traballo, facer que a mocidade non teña que emigrar e fixar poboación para que Bande teña futuro”. Neste senso tamén apunta que as actuais políticas de emprego do Partido Popular "consisten en realizar obradoiros, que non son máis que unha miseria comparado co que se podería facer para que a mocidade puidese ter un traballo digno no municipio".
O candidato do PSdeG-PSOE tamén se dirixe á xente maior con "optimismo", aos que lles traslada que "do caciquismo pódese saír e que conseguindo sacar o PP da alcaldía a veciñanza vai ter uns servizos dignos e un benestar esencial". O obxectivo dos socialistas "é sacar a Bande do estado no que o sumiron as políticas de dereitas dende a época franquista” e subliña que o municipio “precisa dun cambio e apostar por políticas sociais que recuperen o bo estado do municipio, cabeceira de comarca, berce de civilizacións, antigo partido xudicial e con boas comunicacións e un excelente emprazamento”.