As eleccións municiais están cada vez máis preto e os partidos seguen a presentar aos seus candidatos. O PSdeG PSOE está dando a coñecer ás persoas que o representarán nos comicios do 28 de maio e Jesús Pereiras e Isabel Gil farano nos concellos de Cartelle e Ramirás, respectivamente.
Pereiras será repetirá por segunda vez como candidato en Cartelle, co obxectivo de "gañar" as eleccións e apostar por "desenvolver" un proxecto municipal que remate con máis de 40 anos de políticas "caciquís e clientelares" que afundiron "completamente” o municipio, coa meta de mellorar a calidade de vida da veciñanza "sen deixar atrás a ninguén".
O socialista, que foi oficial de policía e agora está xubilado, sinala que se presenta "tras catro anos de intenso traballo percorrendo todos os recunchos de Cartelle, escoitando á veciñanza e levando as súas reclamacións a un consistorio que fai oídos xordos aos problemas cotiás do noso concello e das súas xentes". O edil socialista remarca que "hai moitísimos problemas, está todo por facer e as políticas municipais do Partido Popular son un auténtico desastre". O candidato tamén pon o foco na demografía e no emprego, xa que tal e como sinala “o emprego en Cartelle non existe, porque ao actual equipo de goberno non lle preocupa a mocidade, nin o avance económico da vila”.
O actual voceiro socialista lembra que durante os últimos catro anos “denunciamos politicamente máis de 60 casos de desleixo, abandono sistemático, e problemas en infraestruturas, patrimonio ou medio ambiente no municipio”. Tal e como apunta, o Concello “pouco fixo para buscar solucións a estas problemáticas e optou polo silencio ante temas tan graves como a proliferación de vertedoiros ilegais; a falta de limpeza en camiños, fontes, zonas verdes e estradas; o abandono total da Torre de Sande; ou os problemas burocráticos de máis de 1000 afectados e afectadas pola ausencia de títulos patrimoniais na parcelaria da parroquia de Cartelle; ou o desmantelamento e recortes nos servizos públicos”.
Continuar cos proxectos en Ramirás
Por outra banda, Isabel Gil preséntase como cabeza de lista en Ramirás, onde é a actual alcaldesa, co reto de acadar a "maioría absoluta" para poder levar a cabo as "grandes" obras que xa están en marcha e seguir traballando a prol da veciñanza. Gil afirma que están traballando en proxectos como a adxudicación de tres vivendas sociais (dúas de aluguer e unha con dereito a compra), a licitación e adxudicación da subvención DUO 500, que permitirá recibir 245.000 € para a instalación de luces LED ou a obra de saneamento de Rubiás, cun investimento de 572.000 €.
A actual rexedora tamén pon o foco nun “ambicioso” proxecto para a construción dun centro de día do municipio, xa que tal e como apunta “é importantísimo nun municipio rural, para que os nosos e as nosas maiores teñan unha calidade de vida como merecen e as familias poidan ter un respiro nos coidados e compatibilizar a vida familiar e laboral”. Segundo afirma, “o investimento é de 450.000 € e xeraría tres postos de traballo”.
Gil tamén destaca entre os seus obxectivos “seguir realizando investimentos na procura de mananciais, como xa fixemos en Terrado, Barazal e Xesteira, conseguindo subvencións e investindo 120.000 euros con moi bos resultados e quedando libre de arsénico a auga empregada pola maioría dos usuarios e usuarias da auga municipal”. Neste senso apunta que o gran obxectivo “é resolver de forma definitiva e na súa totalidade, os problemas de arsénico na auga na época estival”.
Outras das súas apostan será a promoción do turismo, "mellorando a contorna paisaxística, coidando o medio ambiente, potenciando as rutas de sendeirismo ou arranxando e pondo en valor os accesos aos diferentes núcleos de poboación". Ademais, traballarán para que as aldeas dispoñan de servizos como a fibra óptica, pero tamén ter "a gardería gratuíta, a posta en marcha de actividades extraescolares e de lecer nas instalacións do colexio e fixar poboación".