jueves. 21.11.2024

Esta mañá, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e o profesor da facultade de Ciencias da Educación da USC, Alexandre Sotelino, presentaron en Xinzo as xornadas de formación para maiores de 50 anos, que levan por nome "Camiños de coñecemento e experiencia". 

O programa comezará este sábado día 10, cun seminario sobre o patrimonio cultural da vila, mentres que nas charlas programadas para as sesións do 17 de abril os temas a tratar serán a criminoloxía e a política criminal. A última xornada está prevista para o 24 deste mes, e falarase sobre as medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades.

Este é o primeiro ano que a Universidade de Santiago de Compostela promove esta iniciativa en Ourense, e tanto as conferencias como as sesións prácticas cumprirán cos protocolos esixidos para evitar a propagación da Covid-19.

Elvira Lama definiu estas xornadas como "unha fórmula democrática de achegar o saber á poboación", mentres que Ramiro Rodríguez quixo recalcar a importancia destas: "Cando se nos presentou a oportunidade non dubidamos. Trátase dunha proposta extremadamente interesante porque vai dirixida a un colectivo esquecido culturalmente".

Tanto o edil de Cultura como a rexedora manifestaron o seu desexo de que o programa teña continuidade no tempo e que cada vez conte cunha maior participación.

Por outra banda, Alexandre Sotelino quixo recordar as tres funcións da Universidade: a docencia, a investigación e a transmisión, resaltando que se esta última non se produce, de pouco valen as dúas primeiras, engadindo que "o profesorado tamén se beneficia deste tipo de iniciativas, pois nós tamén aprendemos e nos relacionamos cos veciños". 

A inscrición para participar nestas actividades será gratuíta e poderá realizarse na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:30 horas.

Programación completa  

10/04/2021 

10:00-11:30h

Seminario: Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Xinzo.

16:30-18:00h

Visita ás pedras fitas: da Pedra Alta de Antela aos Milarios de Vilariño das Poldras.

Dna. Carolina Casal Chico. Doutora en arte medieval pola USC. Profesora do Programa Universitario de Maiores, da USC.

17/04/2021

10:00-11:30h

Seminario: Introdución á criminoloxía e política criminal.

16:30-18:00h

Sesión de práctica: resolución de casos prácticos e análise -en conxunto- de "pegadas dactilares".

Dna Ana Moure Soengas. Graduada en CC. Políticas e Criminoloxía. Profesora do Programa Universitario de Maiores, da USC.

24/04/2021

10:00-11:30h

Seminario: Medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades.

16:30-18:00h

Debate semiestructurado sobre as medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades.

Dr. Sergio Cinza Sanjurjo. Médico de Atención Primaria e docente-colaborador do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.

 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo acolle o programa de formación para maiores da USC