NOTICIAS A LIMIA | Cousas que a covid trouxo e quedarán nos coles
Hai unhas semanas, cando a sexta onda da covid empezaba a remitir en Xinzo (despois, en marzo, a cousa volveuse complicar), o director do colexio Rosalía de Castro (Xosé Manuel), a xefa de estudos (Manuela) e a orientadora (Rita), recibiron ao Diario do Limia para falar da pegada da covid no ensino. Naquela altura, xa se perdera moito medo, mais algunhas prácticas que se introduciron ficarán cando desapareza a alarma.
MANUELA
Eu estou con nenos de 9 anos aos que lle dou clase. O que notei e que son nenos moi flexíbeis, adáptanse a todo tipo de normas moi facilmente.
RITA
O bo que teñen e que se adaptan a todo. Volveron a un cole distinto despois do confinamento. Tiñamos que poñer máscara, botar xel, manter a distancias, moitas normas de súpeto. Custounos máis a nós que a eles. Pero botaron moito de menos poder xogar libremente. Están nunha zona onde van rotando os grupos. Non se poden relacionar con outros. Penso que sufriron máis por este lado, a nivel social, que a nivel académico.
XOSÉ MANUEL
Eles mesmos normalizaron os protocolos. E todo o persoal do centro implicouse en explicar a nenas e nenos, e tamén as familias, o que había que facer. E fixémolo. Calquera nova medida, os test de saliva ou os cambios nas distancias, por exemplo, pois incorporáronse sen problema.
MANUELA
No meu grupo concretamente son nenos moi valentes, no sentido de dicir, non escoitei un rexeitamento de norma ningunha. Supoño que é o que viven na casa. Neste grupo a posta da vacina viviuse con normalidade.
RITA
A nivel académico afectou sobre todo aos nenos con mais dificultades. Hai un atraso que se ve nos que empezan en tres anos. Vese a pouca interacción social que teñen. Son nenos que falan peor. Na casa ti xa intentas ter os menos contactos posíbeis, van menos ao parque ou a festas- Animicamente, con excepcións, están normais. Son máis plásticos que os adultos. Pero botan de menos o contacto con outros nenos. O que intentamos para suplir esta carencia e facer máis dinámicos os grupos, facendo os patios dinámicos dentro do nivel, o que son os grupos burbulla.
XOSÉ MANUEL
Os únicos nenos que se quitan a máscara no cole son os que comen no comedor. Hai profesores que lle ven a cara as nenas e nenos por primeira vez aí. Hai rapaces aos que non lle coñecemos as caras. E mesmo nos pasa con compañeiros, de non recoñecelos fóra do cole.
Volveron a un cole distinto despois do confinamento. Tiñamos que poñer máscara, botar xel, manter a distancias, moitas normas de súpeto. Custounos máis a nós que a eles. Pero botaron moito de menos poder xogar libremente. (Rita)
MANUELA
Poñen por diante o que ti lles dis. Non lle dan demasiadas voltas á situación nin fan demasiadas preguntas. Mais cando chegou o momento de traballar co xornal, si que buscan as noticias sobre a covid. Están ao tanto de se soben ou baixan os casos. É un novo tema de conversa que antes non tiñamos.
XOSÉ MANUEL
Eu teño un grupo de sexto no que nos comunicaron un contaxio e os rapaces empezaron a botar contas para ver en que momento marcharían todos para a casa. Eles teñen información. E, no caso das normas, xa as teñen interiorizadas. Ninguén se pregunta xa por que hai que levar a máscara.
RITA
Determinados protocolos chegaron para quedarse. Porque hai cousas que funcionan mellor. Antes faciamos a entrada dunha maneira, por unha sola porta, e todos os nenos igual. Agora facemos entradas a intervalos. Xa se ten falado no claustro que unha vez pase isto, probabelmente esa medida se manteña.
Poñen por diante o que ti lles dis. Non lle dan demasiadas voltas á situación nin fan demasiadas preguntas. É un novo tema de conversa que antes non tiñamos. (Manuela)
XOSÉ MANUEL
O peor é que non podemos realizar ningunha actividade a nivel colexio. A nivel centro, todos a vez... Non se poden mesturar os grupos burbulla. As actividades de grupo están por retomar. Había cousas como o día do libro, cando os maiores íanlles ler contos aos pequenos. Ou nenas e nenos das mesmas aldeas apadriñaban aos cativos e calquera problema que tivesen se lle comunicaba ao padriño ou a madriña. Iso é unha perda grande, tanto a nivel sentimental como anímico. Antes este tipo de actividades eran moito mais relaxadas, podían interactuar e tocarse. Agora non.
MANUELA
No Entroido, toda a actividade que se facía antes xa non se pode. É diferente. Hai que adaptalo. Pero nada que ver co que se facía antes. A nivel académico penso que o tema das máscaras é un hándicap. Usamos moito a expresión oral e chega moito peor coas máscaras. Tes que vocalizar moito mais, falar moito mais amodo, e aínda así... Hai determinado tipo de traballo que non podemos facer, non podemos facer traballo en grupo nin traballo por parellas, e inflúe que non nos poidamos relacionar. Limítanos.
RITA
No departamento de orientación, cando temos que organizar os horarios de atención a nenas e nenos con dificultades, non podemos mesturar grupos. Iso esixe máis quendas, e fai que atendamos menos alumnado. Antes podiamos mesturar por nivel de desenvolvemento. Xa non o podemos facer. Nós usamos moito as máscaras transparentes, porque coas outras non ves aos nenos e eles non te ven a ti.
XOSÉ MANUEL
No ensino linguas estranxeiras, onde hai que vocalizar, articular, temos esas mesmas dificultades. A máscara é o principal obstáculo. E tamén as distancias. Agora no comedor xa non hai unha quenda de hora e media; hai dúas de 45 de minutos, até teñen que comer máis rápido.
MANUELA
Entre os docentes tamén houbo medo ao principio, lóxico. Agora somos 37 no centro e hai distintos pareceres, pero o protocolo cúmprese sempre. Non ten habido conflitos severos.
XOSÉ MANUEL
Notase unha evolución. Mesmo nos elementos que incorporamos ao principio, cando íamos con máscaras, caretas, luvas… Hoxe cumprimos, pero hai menos medo. Sabemos que o principal é a ventilación, lavar as mans. Pero xa non andamos todo o tempo limpando as superficies, por exemplo.
Démonos conta que ten que haber un plan B. Tamén o alumnado e as familias fixeron un gran esforzo. Moitas familias tiveron que comprar un ordenador. Ese esforzo é de agradecer. (Xosé Manuel)
MANUELA
A experiencia do ensino telemático esixiu unha adaptación rápida, e mesmo en pleno confinamento. Fíxose un gran esforzo.
XOSÉ MANUEL
Démonos conta que ten que haber un plan B. Tamén o alumnado e as familias fixeron un gran esforzo. Moitas familias tiveron que comprar un ordenador. Ese esforzo é de agradecer. Houbo unha adaptación rápida.
RITA
Agora non mandamos notificacións en papel, e valoramos xa non mandar máis as notas en papel. Tanto o profesorado como as familias eramos escépticos coas ferramentas telemáticas, pero a base de usalas...
XOSÉ MANUEL
Si, isto é outra cousa que veu para quedarse. O profesorado fixo formación moi intensiva en todo tipo de recursos, páxina web, aula virtual, redes sociais e Abalar, o sistema de comunicación de Educación, que xa é unha ferramenta xa consolidada… decatámonos, e tamén as familias, de que se usaba pouco e serve para moitas cousas.