A primeira hora deste luns coñeceuse o falecemento de Manuel Fernández, o cura de Sandiás, ingresado desde hai semanas cunha doenza grave. Manuel Fernández ía recibir hoxe unha homenaxe durante a romaría do San Bieito da Uceira, un lugar de culto cristiá e celebración social que foi a grande obra da súa vida. Manuel Fernández, natural de San Miguel de Torneiros (Allariz), tiña 82 anos e durante máis de cinco décadas desempeñou a súa vocación primeiro en Entrimo e despois en Sandiás, Couso de Limia e Piñeira de Arcos.
O funeral, segundo informou o Bispado de Ourense, terá lugar mañá martes, ás 17:00 horas, na igrexa parroquial de Santo Estebo de Sandiás. O enterro será no panteón familiar en San Miguel de Torneiros.
“A Limia perde un gran párroco, un traballador nato”, comentou este mediodía don Fernando, párroco en Atás, amigo do finado. “Empecei a tratalo en Torneiros, porque eu tiña alí un primo cura e pasaba algunha tempada cando a el. Coñecín a toda a súa familia. Despois, cando el veu para Sandiás, eu xa era asiduo da romaría. Fixémonos moi amigos, eu ocupábame da misa das 11, xusto a que vai antes da misa solemne, e mesmo formamos parella ao tute. A Limia vaino botar de menos, moito”.
Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, que acudiu ao tanatorio dar o pésame á familia pouco antes do mediodía e despois participou na homenaxe xunto á capela, dixo ao Diario do Limia: “Manuel era ante todo un bo home. Cónstame que a veciñanza de Sandiás está hoxe moi triste pola perda dun ser querido para todos”. Traveso comentou que visitou a Manuel Fernández hai unhas semanas, para falarlle da homenaxe e que el lle pediu que axudase a manter o legado da Uceira.
Despois da misa solemne de hoxe, o párroco de Xinzo, don Jaime, definiu a Manuel Fernández como “un cura sempre disposto e preocupado pola xente”. “Sen el, todo isto, a romaría e o espazo de culto dedicado a San Bieito, non existiría”, subliñou.
⬛ ✝️ 🛐 𝑶𝑩𝑰𝑻𝑼𝑨𝑹𝑰𝑶 | 𝑀𝑎𝑛𝑢𝑒𝑙 𝐹𝑒𝑟𝑛𝑎́𝑛𝑑𝑒𝑧 𝑉𝑖𝑑𝑎𝑙, 𝑐𝑢𝑟𝑎 𝑑𝑒 𝑆𝑎𝑛𝑑𝑖𝑎́𝑠. 𝐎 𝐡𝐨𝐦𝐞 𝐪𝐮𝐞 𝐜𝐮𝐦𝐩𝐫𝐢𝐮 𝐚 𝐬𝐮́𝐚 𝐦𝐢𝐬𝐢𝐨́𝐧.
— Diario do Limia (@diariodolimia) April 19, 2022
👇👇👇 #Sandiás https://t.co/e4zfMADOpA