Varias ducias de médicas, enfermeiros e outro persoal do Servizo Galego de Saúde concentráronse ás 12 da mañá deste mércores ás portas do Hospital de Ourense na primeira das tres xornadas de folga convocadas este mes de abril pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense e que tivo seguimento no distrito de Ourense, que inclúe A Limia, e recibiu o respaldo dunha concentración de sanitarios ás portas do Hospital de Valdeorras, no Barco.
“Os servizos mínimos decretados pola Xunta, unida á falta de persoal da maioría dos centros de saúde, fixo que a folga practicamente non se teña notado na Atención Primaria”, sinalaron fontes do sindicato CIG ao Diario do Limia en relación co seguimento nos puntos de atención de Xinzo e o resto de concellos da Limia.
“A folga tivo impacto no Hospital, pero dúas horas despois da concentración do mediodía, cando remataba a convocatoria na quenda de mañá, aínda non temos datos oficiais da xerencia sobre o seguimento”, explicaron desde a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense ás 14:00 horas.
Os sanitarios protestan pola precariedade laboral, a falta de persoal e, en xeral, de medios para desenvolver o seu traballo. A de hoxe é a primeira das tres xornadas de folga convocadas para este mes de abril: o 20 e o 27 son as seguintes datas. Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, haberá tamén folga.
Desde a Xunta de Persoal informan que o persoal do Hospital de Verín reunirase nas próximas horas para decidir se se suma ás próximas convocatorias, e sinalan que no Hospital de Valdeorras hoxe mesmo manifestaron o seu apoio ás demandas cunha concentración de traballadoras e traballadores ao mediodía.
“Non se trata de obstaculizar o servizo, senón de que se visibilice a situación do persoal, as súas condicións de traballo, porque o que pasa dentro é moi distinto do que se está a percibir desde fóra”, sinala a fonte sindical. “Estamos fartas de que non se respecten os dereitos das traballadoras e traballadores e que cada vez falten máis cousas básicas, mentres se publicitan grandes investimentos”.
[NOVA EN ACTUALIZACIÓN]