O programa chámase IncluLimia. Está realizado por mozas e mozos do Centro de Información á Mocidade de Xinzo. As protagonistas son as persoas maiores. Xente nova deixando a palabra ás vellas e aos vellos, para que conten o que lles pasa, o que lles doe.
A iniciativa foi presentada este venres na sede do CDR O Viso en Lodoselo, conta con financiamento da Consellería de Política Social, e consiste nunha serie de programas de radio en formato podcast que se publican desde hoxe na web do Viso, nesta ligazón.
Hai xa cinco “pilulas informativas” que se poden reproducir directamente desde a web. Falan da artrose, da xordeira, do insomnio... Falan as persoas usuarias dos diferentes servizos do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, xente da aldea, coidadoras e profesionais sanitarias. Son pezas breves nas que as persoas maiores falan e topan quen as escoite.
Na presentación estiveron Ada, terapeuta ocupacional; Uxía, unha das mozas que leva as entrevistas; Camilo, aos mandos do dispositivo técnico; e Mateo e Luís, dous vellos que contaron o que lles pasa cada día. Falaron diante de compañeiros e veciños. “Os maiores necesitamos algo de agarimo. E aquí síntome moi ben, en familia”, dixo Luís.
“As mozas e os mozos deben entender que é o que lles pasa ás persoas maiores. Deben entender que é o que pasa no proceso de facerse maior. E para elas é importante sentirse protagonistas, que se escoiten os seus problemas”, dixo Ada, que falou dun proxecto de comunicación interxeneracional, que vai máis alá da radio.
Mais a radio é a que os une. E a que ensina. Escóitanse as voces que contan o que é insomnio e hai quen di que é mirar a tele até quedar durmido, e que durmir si, pero fáltalle a un a compañía. E outras voces que explican o que se sente coa artrose, cando ataca, e que hai que camiñar, moverse, pero doe, e hai que aguantar. Cousas de vellos, si. “Que nos pasarán a todas”, di Ada.
A rolda de prensa é un acto social, unha desculpa para se mover, camiñar até a antiga Reitoral de Lodoselo. De ter compañía esta mañá fría. E conversar un pouco. O frío vai mal para a artrose. Aínda sacan unhas fotos ao final, co Camilo, a Uxía, a Ada e as outras. Xente moza e xente moi maior xunta. Como antes. Aos novos cústalles entender a dor que senten os vellos. Quizá escoitalos na radio axude algo.