martes. 03.12.2024

O CDR O Viso disporá dun orzamento de 1,3 millóns de euros [a cantidade de 1,5 que aparecía inicialmente non é a correcta, precisan desde O Viso] no marco do programa Biocuidados: nuevos modelos de cuidado prestados por la comunidad, centrados en la persona, en entornos rurales, que está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado a través dos fondos Next Generation da Unión Europea


Os traballos xa comezaron e un grupo de dezaseis persoas, con base no centro de coworking Xpazo, en Xinzo de Limia, deseñan o futuro dos servizos sociais dentro do plan impulsado pola Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER) e que suma 14 millóns de euros para unha tarefa en rede en 18 territorios de nove comunidades (ademais de Galicia, Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Valencia e Estremadura).


“O obxectivo é ofrecer alternativas á institucionalización das persoas e promover un novo modelo de atención pública mediante os recursos da comunidade rural”, explica Javier Diz, psicólogo e coordinador do proxecto no Viso, que explica que en todos os territorios traballarán con colectivos como a infancia e a adolescencia en risco de exclusión, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.


Biocoidados é un programa “inspirado na comunidade rural”, sinala COCEDER. “No Viso levan décadas innovando na atención e traballando por manter viva a comunidade rural”, di Javier Diz, “nese sentido, temos vantaxe, aquí hai moito traballo feito”. O programa consiste en facer seguimento de 60 casos, persoas de distintos perfís, e detectar os riscos de institucionalización para evitala.


A primeira fase, de xaneiro a maio deste ano, serviu para establecer unha metodoloxía de traballo nos 18 territorios implicados. “Recolléronse datos cualitativos a través de historias de vida”, indica Diz, e precisa: “Foi unha fase de escoita cun enfoque de atención integral e centrada na persoa”. A segunda fase está en proceso. Comezaron a desenvolver accións. “Sempre deciden eles, as persoas ás que se lle ofrece calquera tipo de atención. Digamos que primeiro se detectan as necesidades, que poden ser por exemplo, gozar dun tempo en compañía de outras, e despois propóñense cousas que facer tendo en conta a situación da persoa e as posibilidades que ofrece a comunidade. Por seguir co exemplo, ese déficit ao mellor resólvese cunha partida de cartas diaria con outros veciños”, anota Diz.

Programa BioCoidados do CDR O Viso. FOTOS Noelia Caseiro (4)
Javier Diz, coordinador do programa para o CDR O Viso.

 

“No Viso levan décadas innovando na atención e traballando por manter viva a comunidade rural”, di Javier Diz, “nese sentido, temos vantaxe, aquí hai moito traballo feito”.


A terceira fase consistirá nun proceso de avaliación interna, co resto de centros de desenvolvemento implicados no programa, e externa, con colaboración das universidades, no caso do Viso, a Universidade de Vigo, con que xa mantiveron unha primeira reunión en Xinzo a semana pasada. Para o próximo mes de xullo deben estar listas esas avaliacións. O Ministerio recompilará os datos para decidir que pasos seguir á hora de lexislar cun enfoque de atención integral e centrada na persoa. Será un mapa completo de recursos comunitarios (no rural) para cambiar o modelo de atención con dous obxectivos: desinstitucionalizar a atención na medida do posíbel e adaptala ás condicións do rural. O acompañamento continuará durante todo o 2024.


“Un dos problemas está aí. Non se trata só da desinstitucionalización, na que O Viso leva décadas traballando. Tamén está na propia concepción do modelo de atención, sen ir máis lonxe a sanitaria, moi centralizado, pensado para un contexto urbano. E no país, o contexto rural ten moito peso e recorrer á comunidade é, neste contexto, imprescindíbel. Pensamos que se debe potenciar ese recurso. E, de novo, O Viso é un exemplo neste sentido”, explica Javier Diz.

Programa BioCoidados do CDR O Viso. FOTOS Noelia Caseiro (2)
Javier Diz, durante a entrevista no Xpazo, onde ten a sede o programa.

COMO CHEGAR
En Xinzo, na Limia, traballan cun grupo dunhas setenta persoas. Desde xente moza a xente maior, de 75 anos e máis. Os casos van chegando a través do propio CDR, ou dos servizos sociais, ou de entidades colaboradoras, como Limisi, ou mesmo de maneira “espontánea”. “Intentamos definir áreas de valor en cada persoa, a atención que precisan para un desenvolvemento persoal. É como elaborar un plan de vida, que facer e, sobre todo, que desexan facer en ámbitos como o laboral, a vivenda e outros”, apunta o coordinador. Contan con asistentes persoais, un equipo de intervención secundario (alén do núcleo de oito persoas que comezaron a traballar no Xpazo) con especialistas en intervención sociosanitaria e de animación cultural. “Alguén definiu este traballo como levar un centro de día a cada casa. Concordo”, sostén Diz. 


As necesidades son diversas, desde a compañía, a axuda no fogar para levantar persoas da cama ou asealas, conseguir un salvaescaleiras. O programa consiste, como calquera innovación, nunha aprendizaxe continua tamén para o equipo do Viso. “A min, persoalmente, desde que empezamos, o que máis me chama a atención son dúas cousas”, confesa Diz, “a cantidade de xente que precisa axuda, e o flexíbeis que podemos chegar a ser na atención para responder a cada situación”.

NOTICIAS A LIMIA | O Viso disporá de 1,3 millóns para un programa de...