As xornadas de información sobre o dano cerebral adquirido terán continuidade nas próximas semana cun curso de formación para coidadoras e coidadores que se celebrará en tres sesións, os días 27 de outubro, 3 e 5 novembro, e que será impartido pola Escola de Dano Cerebral da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace).
O curso, que terá como escenario o local da Escola Rural de Saúde, entidade coorganizadora, na Casa da Cultura de Xinzo, consistirá en formación para aprender a detectar e avaliar o dano cerebral, coñecer formas de se comunicar cunha persoa que padeza a doenza, cambios posturais, alimentación, hixiene, curas, acompañamento e tratamento da intimidade.
As sesións, de dúas horas e media de duración, os dous primeiros días, e de tres horas, o último, serán impartidas por persoal da Fegadace e estarán abertas tamén a coidadoras profesionais e responsábeis de servizos de atención.
A inscrición pode realizarse a través da Escola Rural de Saúde da Limia, entidade colaboradora, no teléfono 603 78 44 35.
A formación consistirá en aprender a detectar e avaliar o dano cerebral, coñecer formas de se comunicar cunha persoa que padeza a doenza, cambios posturais, alimentación, hixiene, curas, acompañamento e tratamento da intimidade.
Unha estimación eleva a 35.000 o número de persoas que sofren a doenza no país, sinala Carla Miranda, a traballadora social de Fegadace, minutos antes de ofrecer onte na Forxa a primeira das charlas do día diante dun auditorio dunhas vinte mulleres e en presenza da alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, e de Lola Rico, da Escola Rural.
“Pretendemos achegar ao rural que significa o dano cerebral adquirido, que a xente teña máis información e poida axudar na prevención e saiba utilizar os recursos, que os hai”, di Lola Rico. “Os recursos están preto, hai unha asociación en Ourense mesmo”.
“Paréceme que todo o mundo identifica o dano cerebral adquirido cun ictus”, comeza a charla de Miranda, despois da presentación da alcaldesa. “Así que imos ver que facer cando se presenta un caso”. A conferencia ofrece o primeiro catálogo de consellos que, en apenas unha semana, poranse en práctica nas sesións de formación.
As charlas continúan hoxe pola tarde en Arnuíde (Vilar de Barrio) e Sarreaus; e mañá en dous núcleos do Concello de Baltar: A Boullosa e Sampaio.