sábado. 23.11.2024

O PSdeG-PSOE de Lobios critica o recente peche do complexo termal de Río Caldo, que xa está inoperativo e non volverá abrir as súas portas ata o mes de marzo. Os socialistas denuncia o prexuízo "incalculable", tanto económico como social, que supón para o municipio. "Outro inverno máis, as instalacións termais volven pechar, coincidindo ademais coa ponte da Constitución", din os socialistas, que tamén consideran "fatal" esta decisión para os traballadores, negocios e para toda a veciñanza de Lobios.

Dende a Agrupación Socialista de Lobios sinala as "nefastas" consecuencias que trae consigo a decisión adoptada por Caldaria, a cadea de hoteis-balnearios da Fundación San Rosendo que xestiona esta concesión. Destacan as repercusións que traerá para os empregados, que teñen contratos na modalidade de "fixos indefinidos",  polo que "terán que desprazarse durante os meses de peche ata outros balnearios da cadea, tendo que percorrer arredor de 160 quilómetros diarios (ida e volta) para desprazarse dos seus domicilios aos postos de traballo e viceversa".

A isto súmaselle o  "elevado" gasto en combustible e tamén as "horas perdidas" no desprazamento, que "non serán remuneradas", ademais do "factor psicolóxico" derivado desta decisión, xa que tal e como explican dende o PSdeG de Lobios, "os traballadores e traballadoras afectadas por estes cambios verán alterada a súa vida familiar e laboral, complicando a conciliación e obrigándoos a correr riscos nas estradas en pleno inverno". Outros, deberán cambiar o tipo de contrato de "fixos a fixos descontinuos, o que lles supón un prexuízo laboral e económico" ao traballar os nove meses de apertura e os tres restantes ir ao paro.

O secretario local da Agrupación Socialista de Lobios, Iván Rouco, afirma que "a inactividade do principal motor termal e, por conseguinte, turístico do concello supón un grave prexuízo social e económico a Lobios, co que todos e todas saímos perdendo". Critica que con esta decisión "perden os negocios de Río Caldo e do resto do municipio e non só da hostalería, senón doutros sectores nos que os hóspedes, clientes e usuarios consumen, mercan e crean vida, punto fundamental no eido económico e social da vila".

Rouco acusa á alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e ao presidente da Deputación, Manuel Baltar,  de permitir "o peche, ao optar pola inacción e mirar para outro lado, namentres Lobios perde un dos seus principais motores económicos". A isto engaden que ámbolos dous "adoitan a falar de Lobios, Vila Termal, e vender o termalismo no noso municipio, obviando a realidade municipal, que é que temos uns mananciais e recursos infinitamente desaproveitados e uns letreiros nas estradas, que durante estes meses non van servir para nada".

Dende o PSOE de Lobios tamén poñen o foco sobre a alcaldesa por "non representar á veciñanza, nin dar a cara e loitar polo interese dos veciños e veciñas que traballan no balneario, nin polo beneficio e o futuro do municipio e o resto da veciñanza". Os socialistas consideran "indispensable" sentarse a falar coa empresa, co obxectivo de "atopar unha solución a estes peches intermitentes que tanto mal provocan e facer cumprir as cláusulas e acordos do convenio asinado polo Concello e a Fundación hai xa 20 anos".

Por último, lembran que foi o PP de Lobios, co seu ex-alcalde, Benito Vázquez, á cabeza os que "lle regalaron tan prezado recurso termal e natural a empresa privada, deixando de lado os intereses público e colectivo de Lobios, algo que quedou demostrado co paso do tempo". Os socialistas de Lobios consideran que a cesión supuxo que "todo fora de mal en peor para os intereses públicos do municipio, comezando por perder o dominio sobre os mananciais termais e os terreos onde está situada a piscina exterior".

O PSdeG de Lobios critica o peche do complexo termal de Río Caldo ata marzo