martes. 03.12.2024

O PSdeG-PSOE de Cartelle acusa ao alcalde do municipio, Jaime Sousa; á ex alcaldesa e senadora, Carmen Leyte; e ao conselleiro de Medio Rural, José González, de ser culpables das “numerosas eivas e erros” nas notificacións en referencia ao expediente da concentración parcelaria da parroquia de Cartelle. Os socialistas acusan aos tres cargos do Partido Popular de “complicidade” ante o que consideran “un disparate e a maior das desconsideracións” cara os afectados por esta parcelaria e piden a súa dimisión.

Esta petición chega trala “indignación” amosada pola veciñanza nestes últimos días coa recepción da notificación efectuada por Medio Rural dun trámite de audiencia no expediente da concentración parcelaria de Cartelle, que conta con máis de trinta anos de vida. Dende o grupo municipal socialista sinalan que o actual alcalde “non é axeno a situación e é cómplice necesario das numerosas eivas que presentan as notificacións. Consideran tamén que “o denominador común en todo este eterno proceso é a alcaldía, rexentada sempre polo Partido Popular".

Os socialistas sosteñen que son “diversos” os elementos da notificación que ten causado un “profundo enfado e malestar” entre a veciñanza de Cartelle. Neste senso, din que entre as numerosas eivas e erros no expediente destacan “a notificación a persoas xa falecidas, a natureza dalgunhas fincas que figuran en gananciais, cando son herdanzas a título dunha única persoa ou que nalgúns casos a orixe, procedente de herdanzas, figura como non determinado”.

Dende o grupo municipal socialista culpan desta situación a Jaime Sousa e a Carmen Leyte, xa que segundo apuntan “son as persoas que mellor deben coñecer, non só o proceso desta concentración parcelaria, senón tamén o devir dos titulares dos predios, cuxo 50% aproximadamente xa faleceu, despois de 30 anos agardando polos títulos. Afirman que “é absolutamente indigno e carece de sensibilidade que as notificacións se fagan a nome de persoas que se atopan xa falecidas.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras, considera “vergonzoso” que tras 30 anos “veñan agora cun prazo improrrogable de dez días de audiencia a vivos e mortos para consultar por teléfono e presencialmente os expedientes un venres pola mañá, xa que segundo apunta “búrlanse da veciñanza, cando na notificación falan de venres en plural, como se en dez días entrasen moitos". Neste senso, o edil socialista tamén denuncia o esperpento” e a “desvergoña” de avisar que se non reciben contestación darán por conforme a modificación efectuada, “como se os mortos puidesen contestar.

Esta falta de vontade por facer as cousas “ben” e en “tempo” refléxase, en palabras de Pereiras, en que “non corrixiron aqueles titulares que durante este tempo deixaron de selo, tras realizar un acto xurídico de transmisión das propiedades, con coñecemento e certificación de Infraestruturas Agrarias”. Por último, Pereiras engade que “non se preocuparon de traballar a natureza familiar dos bens, outorgándolles a todas as propiedades o carácter de ganancial, cando na gran maioría dos casos trátase da concentración de parcelas procedentes de herdanzas.

O PSdeG de Cartelle esixe dimisións polas "numerosas eivas e erros" da parcelaria