jueves. 21.11.2024

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa parlamentaria no Congreso dos Deputados, Uxía Tizón, presentou unha iniciativa na Comisión de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana para instar ao Goberno a impulsar a conexión internacional da AG-31 con Portugal, a través da fronteira da Madalena. Os socialistas piden que se leven a cabo todas as accións "necesarias e oportunas", co obxectivo de garantir a conexión internacional "cunha vía de alta capacidade".

A AG-31 une esta autovía A-52 con Celanova, localidade na que circunvala, para finalizar nun enlace coa estrada OU-540, que transcorre integramente por Ourense ata Portugal. A AG-31 conta con 18,7 quilómetros en servizo e foi inaugurada en 2013, trala execución impulsada polo goberno galego de Emilio Pérez Touriño. A súa contrución "permitiu mellorar as comunicacións coas localidades próximas, reducindo o tempo de viaxe nunha media do 40%, gañando os condutores en comodidade e seguridade e dinamizando a vida da comarca de Celanova", din os socialistas.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón, defendeu a prolongación desta vía, xa que "consideramos fundamental a súa continuación ata a fronteira portuguesa para o desenvolvemento da provincia e das diferentes comarcas da zona, por diferentes razóns económicas e sociais". A parlamentaria subliñou que a construción da conexión internacional "suporá reforzar a posición estratéxica de Ourense, consolidándose como porta de entrada a Galicia e como nodo de comunicacións terrestres e interiores con Castela e Portugal", pero tamén axudaría a "mellorar os tempos de viaxe, a seguridade, conectar a cidade de Ourense con Braga e Portugal e a vertebrar o suroeste da provincia, mellorando a dinamización empresarial, comercial e turística, ademais de reverter os importantes problemas demográficos".

Tizón destacou que esta iniciativa "non é un capricho político, senón un clamor social e empresarial da provincia” e destacou que en Ourense “estamos cansos do abandono permanente e de escusas, e por ese motivo os e as socialistas demostramos o compromiso das boas comunicacións na provincia". A representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso dos Deputados afirmou que "esta é unha oportunidade para que a Xunta deixe de tratarnos coma unha provincia de terceira e aquí teñen o noso compromiso, ogallá o señor Rueda amose o mesmo interese que o PSOE".

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense lembran que a Xunta de Galicia puxo en marcha o proceso de licitación para modificar parcialmente o trazado da OU-540, mediante a corrección dalgunhas curvas, a mellora de determinadas interseccións e a creación de carrís de adiantamento. Os socialistas recalcan que "en ningún caso se executa unha autovía cun novo trazado e descartase a execución das variantes de Bande e Verea, localidades polas que se manterá o paso dos vehículos".

Tizón reafiurmou o seu compromiso no impulso deste tramo de conexión internacional cunha vía de alta capacidade, na que o Goberno central é o seu "único competente". "Consideramos imprescindible este proxecto para que a provincia siga crecendo e porque Ourense o merece, pero para a súa efectividade e continuidade debe ser a Xunta de Rueda quen execute a obra de prolongación entre o tramo e servizo e Lobios", rematou a parlamentaria.

O PSdeG pide ó Goberno a creación dunha conexión da AG-31 con Portugal pola Madalena