jueves. 21.11.2024

Os alcaldes de Entrimo e Calvos de Randín, xunto cos candidatos á alcaldía de Muíños, Bande e Lobios, presentaron esta fin de semana as súas candidaturas para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023. No acto estiveron acompañados polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso; o secretario provincial de Ourense, Rafaael Rodrgíuez Villarino; a deputada no Congreso Uxía Tizón e a deputada no Parlamento de Galicia Marina Ortega, así como outros cargos e militantes socialistas da provincia.

A presentación das candidaturas tivo lugar en Lobios e alí, os asistentes ao acto coincidiron en destacar a necesidade da "política útil" do PSdeG-PSOE para mellorar a vida da veciñanza nunha comarca historicamente abandonada e maltratada polo Partido Popular, con exemplos de inacción e desleixo tan notorios coma a falta de impulso á prolongación da AG-31, a inexistencia dun proxecto de chan industrial para afincar empresas logo de 14 anos de demandas ou o total desamparo que padece o Parque do Xurés-Baixa Limia, ademais da sangría demográfica que sacode este territorio cunha media de tan só 14 habitantes por quilómetro cadrado.

"Os responsables de que nos atopemos nesta situación son as persoas que teñen capacidade, competencia e diñeiro para decidir sobre se o territorio progresa ou se estanca, é dicir, a Xunta de Galicia", sinalou Ramón Alonso, alcalde de Entrimo e candidato á alcaldía nas vindeiras municipais. Alonso lamenta que a resposta ás súas demandas "foi nula" e tamén sinalou á Deputación, que a definiu como "unha institución pública convertida nunha maquinaria de conservación do poder". O candidato instou aos presentes a "reavivar o inconformismo" e "alimentar a rebeldía" para poñer fin á parálise e ao abandono que padece a comarca.

Neste mesmo sentido manifestouse o candidato á alcaldía de Muíños, José Luís Rodríguez, quen fixo énfase na necesidade de acabar coas "actitudes caciquís" do goberno popular no municipio e reclamou unha "discriminación positiva cara aos concellos da Baixa Limia" por parte do goberno provincial e autonómico.

Por outra banda, o candidato socialista de Lobios, Iván Rouco, subliñou que se presenta ás eleccións municipais para darlle á localidade "o cambio que tanto precisa", algo sobre o que tamén fixo fincapé Villarino, quen asegurou que as cifras indican que o socialismo vai "camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense", co impulso de candidaturas "sólidas, fortes e gañadoras" coma as da Baixa Limia. "Hai futuro", resaltou Villarino.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reprobou a situación de "inxustiza" que viven os concellos desta comarca polo reparto "antidemocrático, discriminatorio e caciquil" dos fondos provinciais por parte da Deputación de Baltar, unha situación "anómala e única" en España que os socialistas ourensáns levan denunciado en incontables ocasións. "Non é de xustiza que un concello de 2.000 habitantes en Ourense reciba un 5 % do que recibe un do mesmo tamaño na Coruña, ou que unha persoa que nace en Padrende non teña os mesmos dereitos que alguén que nace en Vilalba", exemplificou.

Así mesmo, Formoso aproveitou para agradecerlle a Ramón Alonso, Iván Rouco, Aquilino Valencia, José Luís Álvarez e José Luís Rodríguez que desen "un paso adiante" para "mellorar o mundo nesta provincia" e lembrou que "todo o que fagamos na nosa vida ten consecuencias nos nosos fillos e fillas, netos e netas, e por eles e elas temos a obriga de mellorar as cousas”. 

Por último, a deputada no Parlamento de Galicia Marina Ortega puxo en valor "a política de vocación" dos concelleiros na provincia de Ourense e "o encomiable labor" dos alcaldes nunha provincia na que instou a continuar no camiño da "política construtiva", en contraposición ás políticas de "confrontación" do PP na Xunta e na Deputación de Ourense.

Mentres, a deputada no Congreso Uxía Tizón destacou o valor do rural e definiu as aldeas como "a alma do país", cuestión sobre a que a socialista destacou o compromiso do goberno de Pedro Sánchez, nomeadamente a través da primeira lei para o Desenvolvemento Rural Sostible e as medidas fronte ao reto demográfico postas en marcha polo Goberno de España.

O PSdeG presenta aos seus candidatos ás alcaldías dos concellos da Baixa Limia