jueves. 21.11.2024

O PSdeG-PSOE de Ourense presentará candidaturas nos 92 concellos da provincia, ademais de na entidade menor de Berán, un fito “histórico que en palabras dos socialistas pon de manifesto o “bo estado e momento” do partido e as “boas sensacións” de cara aos comicios electorais do vindeiro 28 de maio.

Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense valoran “moi positivamente” o traballo realizado nos últimos meses para impulsar candidaturas en todos os municipios da provincia. Neste senso, os socialistas subliñan que o principal obxectivo “é aumentar o número de alcaldías na provincia, captar novos apoios e mudar o goberno provincial para rematar con máis de 3 décadas de políticas clientelares e caciquís do clan Baltar, que afogaron a Ourense e as súas xentes, levándonos a ocupar os peores postos en todos os índices a nivel estatal”.

O PSdeG-PSOE aproveita para lembrar que “este é un partido no que, a diferencia doutras formacións políticas, as decisións tómanse de maneira conxunta entre os órganos do partido e as asembleas a nivel municipal, comarcal e provincial”. Os socialistas tamén sinalan que o proceso de confección e aprobación das listas “é máis laborioso e democrático que os daquelas forzas políticas nas que as decisións se toman nun despacho e optando polo dedazo”.

Con todo, dende o PSOE ourensán remarcan que o partido “vai a por todas, coa clara intención de aumentar o número de votos, de conseguir máis concelleiros e concelleiras e tamén de sumar novas alcaldías, co obxectivo manifesto de mudar o goberno provincial para que cambie o futuro de Ourense e as súas xentes”. Con respecto as candidaturas socialistas, destaca a renovación coa presencia de 47 novos candidatos, o que supón que máis do 50% dos concellos renovará aos seus cabezas de lista.

O PSdeG presentarase nos 92 concellos da provincia, un fito "histórico" para o partido