O PSdeG-PSOE propuxo a constitución dun grupo de traballo formado por unha representación proporcional de todos os grupos políticos da corporación provincial, co obxectivo de aprobar un instrumento de cooperación que permita executar un reparto "xusto, equitativo e operativo" dos fondos públicos da Deputación de Ourense. O portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, expuxo esta idea nunha xunta de portavoces extraordinaria celebrada este mércores no Pazo Provincial a petición dos e das socialistas.
Villarino invitou ao resto de partidos –PP, DO e BNG– a acadar un "consenso" que permita un reparto "obxectivo e, moi importante, operativo" dos cartos baixo uns "criterios claros". O socialista recordou que na primeira modificación do pasado exercicio, o "83 % destes fondos foron parar a gobernos locais do PP", en vez de ser distribuidos entre todos os concellos "de xeito equitativo, obxectivo, operativo e, non fondo, democrático".
No encontro, Villarino puxo como exemplos proxectos presentados polos concellos socialistas ourensáns que foron desatendidos polo goberno provincial, por importe de 16,8 millóns. "O que pedimos foi que a democracia se respectase nesta nova modificación orzamentaria", insistiu logo de remachar a necesidade de establecer uns "criterios obxectivos" en base a un "consenso". "Máis alá dunha decisión unipersoal, o que acordemos debe ser unha decisión consensuada entre todos e todas os que formamos parte desta administración pública que nos representa na provincia", aseverou o líder do PSOE, que sinalou que están á espera dunha reposta por parte do presidente da Deputación, Manuel Baltar.
O obxectivo dos socialistas é "tratar de evitar que Baltar volva repartir caciquilmente decenas de millóns mediante macromodificacións orzamentarias". Por iso pretenden aprobar na Deputación un modelo de distribución xusta e equitativa, logo ter coñecemento da próxima aprobación dunha nova modificación baseada en subvencións "a dedo".
O grupo provincial recorda que este "sistema caciquil", articulado polo PP e pola presidencia provincial, provocou que a veciñanza ourensá "teñan pouca ou ningunha confianza no noso sistema político local e na capacidade desta deputación para actuar en beneficio da comunidade", algo que "claramente prexudica á imaxe" deste órgano de goberno. "O descontento e a destrución da confianza e da imaxe da institución é evidente", insistiu Villarino.
No caso de que o goberno do Partido Popular da Deputación insista en aprobar un novo reparto millonario, absolutamente "discrecional e ditatorial" dos cartos públicos en pleno ciclo electoral, desde o PSdeG-PSOE anuncian que "levarán estes feitos ás institucións e órganos que correspondan", co fin de "poñerlle freo" a este "disparate", para "protexer os intereses comúns de toda a veciñanza de Ourense".