A Garda Civil realizou un estudo a partir de seis controis en abril e maio

NOTICIAS A LIMIA | Tráfico conclúe que en Trasmiras non hai un problema co exceso de velocidade na N-525

A N-525 en Trasmiras.

A N-525 no seu percorrido pola localidade de Trasmiras non presenta un problema de seguridade viaria debido a un exceso de velocidade dos vehículos. Esta é a conclusión dun informe elaborado pola Garda Civil de Tráfico do que deu conta o Director Provincial de Tráfico en Ourense, David Llorente, nunha reunión esta semana con Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.

A petición da Asociación de Veciños Virxe da Gracia de Trasmiras, Tráfico realizou un estudo en base a seis controles de velocidade realizados nos meses de abril e maio na N-525. O resultados mostran que só un 4,6% dos vehículos rexistrados circularon por riba dos límites de velocidade establecidos neses puntos.

Nun comunicado de prensa difundido onte polo Concello de Trasmiras, o alcalde precisa: “o informe da Garda Civil non deixa lugar a dúbidas. Dos seis controles de velocidade que se fixeron durante todo o mes de abril e maio, controláronse 628 vehículos e só 29 superaban o límite de velocidade fixada”.

Pazos agradeceu á Administración estatal “a celeridade coa que puxo mans a obra avaliando esa suposta problemática da que falaban os veciños”. E engadiu: “se ben é certo que os pasos de peóns precisaban dun repintado, tanto os transeúntes coma os nosos veciños son moi respectuosos coas normas de seguridade”

O alcalde, avanza o comunicado, espera manter a colaboración coa Dirección Provincial de Tráfico, xa que opinou “que os resultados desta avaliación sexan positivos non implica que non sigamos na liña de incrementar en todo o posible a seguridade e vixilancia dese treito para reducir ao máximo as infraccións e os sinistros de tráfico”.