Terceira parada despois das da Forxa e Xinzo de Limia para a exposición Mulleres Símbolo do Rural. Arnuíde. Lola Rico e Rosa Trujillo, da Escola Rural de Saúde, dinamizadoras da mostra e todo que se move arredor das historias destas veciñas que representan o orgullo das mulleres da Limia, xogaban na casa.
A Escola leva nove anos traballando en Arnuíde. Alí topan sempre complicidade. O venres pola tarde abriu o acto Manoli, da Comunidade de Montes de Arnuíde. Despois falou Manuel Lage, director do Museo do Médico Rural en Maceda. “As súas palabras contaron de forma auténtica as achegas das mulleres do rural á saúde das veciñas, especialmente para traer ao mundo ás fillas”, resume a nota de prensa distribuída pola Escola despois do evento.
Tamén falou Rosa Trujillo, psicóloga, de amor e memoria, como acostuma nestes actos, primeiro na Forxa, na Casa do Concello de Porqueira, diante da Secretaria Xeral de Igualdade, e semanas despois en Xinzo, na Casa da Cultura, diante da Valedora do Pobo. Bolaño referiuse ás figuras de Concepción Arenal e Rosalía de Castro, dous símbolos para as mulleres de hoxe. Entre o público, o parlamentario Carlos Gómez (PP) e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde (BNG).
“Mariluz e Concha e outras veciñas prepararon o centro social de Arnuíde con ramos de flores e trouxeron obxectos familiares, colchas, panos bordados, mesiñas de noite... o centro social tense convertido nun espazo museístico do rural con un traballo de economía de recursos propio da asociación”, describe a Escola no comunicado.
Tamén falou Mariluz Ruibal. Relatou a experiencia da Escola Rural de Saúde e as mulleres de Arnuíde desde o 2013. Lembrou Serafina García, Florinda Gómez, a mestra, Dolores González, Genoveva Prado e Concepción Araujo. Despois Matilde Gándara interpretou unha cantiga dos cegos. A mostra continuará “transitando camiños de igualdade” por varios concellos da Limia, conclúe a información da asociación.