martes. 03.12.2024

Pola asociación terán pasado máis de 200 mulleres desde que o colectivo se constituíu no ano 2001, conta Alfonsa, que é de Sanabria, casou aquí, en Sarreaus, onde vive hai máis de 30 anos e aprendeu a tocar a gaita. Despois sairá un momento para ir buscar o instrumento á casa. Hoxe hai reunión de mulleres no forno comunitario, ampliado e convertido en local social. Están dispostas as mesas, cos manteis de ule, ao redor dunha columna que divide a zona vella da ampliación. Teñen visita, mulleres de Arnuide, en Vilar de Barrio.


As mulleres preparan unha empanada. Hai un grupo grande sobre unha talla de plástico onde amasan por quendas. Isabel é a que dirixe os traballo. Son as catro da tarde, vai moita calor. Fóra, na piscina municipal, un grupo de operarios traballan reparando o recinto. Dentro, todas con máscara, salvo un home que atende o forno. Preparan pan, unhas empanadas, bica milla e tamén sacan unha pedra vella pulida para facer filloas sen sangue. 


As dinamizadoras da reunión, Lola e Rosa, da Escola Rural de Saúde da Limia, reuniron as mulleres de Sarreaus e Arnuide. Tamén hai mulleres de Xinzo, como Matilde Gándara, a fotógrafa. Matilde é unha das protagonistas da exposición itinerante que organiza a Escola: Mulleres Símbolo do Rural. As mulleres de Sarreaus, a asociación, están tamén na mostra como colectivo.


O edificio, dunha planta, é local social, comedor no Entroido e no Magosto. As reunións vanse recuperando pouco a pouco. Perdendo o medo. "Hoxe estamos aquí 37, por iso andamos todas coas máscaras", explica Alfonsa. A asociación, que está federada na Federación de Mulleres Rurais de Verín, organiza excursións, actividades culturais, ocúpase do coidado das capelas da contorna. E, os mércores, baile. Organizado polo Concello, apunta Alfonsa.

Pan1 (FILEminimizer)
Preparación da masa para as empanadas: unha de carne, outra de bacalao.

O pan está no forno e a bica milla nun recipiente de ferro entre as brasas. Empezan a facer as filloas, mais a pedra aínda non colleu temperatura. Lola e Rosa reparten cancións nunha carpeta grande. Algunha delas arrancan e empezan a cantar o Miudiño.  


Pola asociación terán pasado máis de 200 mulleres. Algunhas faleceron. Outras xa non saen da casa. Agora andarán polas 80, informa Alfonsa. Este ano non haberá excursión de fin de semana. "Intentaremos facer unha dun día. Durante a pandemia, fixemos andainas e dedicámonos a mirar capelas. En maio preparabamos á Virxe na Igrexa de San Salvador, pero este ano caeu o muro".

Pan2 (FILEminimizer)
Preparación das filloas 'á pedra'.


O pan
Isabel vai e vén. Ordena. Amasa. Distribúe. Isabel é unha das fundadoras da asociación. Hoxe ten 71 anos. Para un momento para explicar como se fai o pan ao xeito tradicional. "Peneirase a fariña, bótaselle o fermento, auga e sal e déixase levedar. Antes o fermento era un pouco de masa-nai que se gardaba da vez anterior, a guía. Sabemos que está léveda en canto pasas o puño e a masa vén detrás", explica mentres arrastra o puño sobre o ule.


"Despois hai que tender a masa. Sen calcala. No aire, no aire... sen calcar", e coas mans fai xestos como quen sostén a masa acariciándoa. "Vai o forno e calculamos. Imos mirando que pinta ten. Tócaslle, ou cóllelo e di lixeiro, e xa sabes que está".  

WhatsApp Image 2022-05-10 at 9.00.50 PM
O pan, listo para enfornar.


"Este pan sabe moi distinto ao que se fai por aí. Será o forno, a auga... Pero tamén che digo, este pan non sabe como o de antes, cando a auga era pura, colliámola directamente do río, do Limia, e mesmo a fariña era outra. Aquel era outro pan. E non hai tanto, non? Eu amasei desde moi nena. Tiña 12 anos cando a miña nai marchou á emigración a Alemaña e eu quedei co pai atendendo aos meus irmáns pequenos. Daquela había outro forno na aldea que tiña espazo para 20 pans. E había moita máis xente, claro. Cocíase por quendas, e se quedabas sen pan antes de que che tocase de volta, pois as veciñas dábanche e devolvíallo despois. Todos os días había pan".


Socialización
Hai que volver sacar á xente das casas. Xuntala. Lola Rico, da Escola Rural de Saúde da Limia, explica que a finalidade desta xuntanza é "potenciar o uso dos recursos sociais da cultura rural" e, sobre todo, "fomentar a socialización".


En Sarreaus, un concello exemplar en canto a recursos sociais, levan 20 anos facendo iso. O pan xa non sabe como o de antes, mais a comunidade segue sendo igual de necesaria. E para iso está o forno. 

WhatsApp Image 2022-05-10 at 9.00.21 PM
Rosa, Alfonsa, Joaquina e Isabel, co pan.

NOTICIAS A LIMIA | As mulleres de Sarreaus enfornan comunidade