jueves. 21.11.2024

O presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar (PP), visitou esta mañá Vilar de Barrio para reunirse con parte da corporación e coñecer de primeira man as necesidades do concello. A corporación de Vilar de Barrio, multipartidista, pero unida nunha idea, mirar cara o futuro, está empeñada desde que comezou o mandato en resolver o atraso do concello ao respecto dos concellos veciños. 

“Cando empezou este mandato levabamos vinte anos de atraso en canto a infraestruturas e equipamentos con Sarreaus, Laza ou Maceda, por exemplo”, di o alcalde, Manuel Conde (BNG). “Temos que traballar moito para compensar ese déficit, e co orzamento, apenas un millón de euros no que máis da metade vai para pagar salarios, non chega”.

O problema de Vilar de Barrio é que o goberno local concorre a todas as subvencións e axudas que pode, mais despois tópase coa dificultade de ter que achegar unha porcentaxe do investimento, sexa para cambiar as luminarias ou para reconverter a Reitoral nun centro socio-comunitario, un dos equipamentos que se botan en falta. 

Así que a idea de Manuel Conde e do resto da corporación é “petar a todas as portas que faga falta”. Petaron na da Deputación e Baltar respondeu. Primeiro, coa báscula de tonelaxe, en Bóveda, que é unha infraestrutura necesaria para o sector agrogandeiro e o forestal. Agora, hoxe mesmo, co compromiso de formalizar un convenio a tres bandas (Xunta, Deputación e Concello) para dotar un tractor para as rozas. “O Concello só terá que pagar o IVE”, apunta Conde.

“A colaboración é fluída, e estamos orgullosos de que o presidente da Deputación, que é unha institución que está para axudar aos concellos, veña e reflicta publicamente ese interese en Vilar de Barrio”, conclúe Manuel Conde.

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio pide axuda extra para colocarse ao par dos outros...