miércoles. 12.03.2025

A Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia (Vilar de Santos) vén de convocar a segunda edición do Certame Literario Antón Tovar, co obxectivo de fomentar a creación literaria en lingua galega e homenaxear a figura do escritor limiao.

 

O certame está aberto a todas as persoas que desexen participar, permitindo un máximo de dúuas obras por autor/a. As creacións, que poden ser en prosa ou en verso, deben ser orixinais e inéditas. No caso da prosa, a extensión máxima será de 400 palabras, mentres que as composicións poéticas poderán ter ata 30 versos.

A temática das obras debe versar sobre algún aspecto da obra ou da vida de Antón Tovar, así como a súa relación co territorio da Limia. Os traballos han de presentarse en formato DIN A-4, con letra Times New Roman de 12 puntos e interliñado de 1,5.

Os textos deben ser enviados por triplicado ao enderezo do Museo da Limia, en Vilar de Santos (Ourense), sen nome do autor/a, pero cun lema identificativo. Nun sobre pechado, que leve o mesmo lema, deberá incluírense os datos persoais do/a participante.

O prazo de presentación remata o 25 de abril de 2025, e establécese un único premio patrocinado por Bienestar Hoteles y Resorts SL. O gañador/a recibirá un bono para unha fin de semana en réxime de pensión completa nos hoteis Bienestar Termas de Monção ou Bienestar Termas de Vizela, en Portugal. A data da estancia adaptarase á dispoñibilidade do establecemento.

O xurado estará composto por cinco membros designados pola Xunta Directiva da Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia. O fallo do certame, inapelable, darase a coñecer no mes de maio, e a entrega do premio terá lugar o 14 de xuño nun acto de lembranza do poeta da Pereira no Museo da Limia. Ademais, a obra premiada será publicada na revista Tempos Novos, colaboradora do certame.

A participación neste certame implica a aceptación de todas as bases establecidas pola organización.

Convocado o II Certame Literario Antón Tovar en Vilar de Santos