Este 20 de decembro de 2024, o Salón Multiusos do Concello de Vilar de Santos acolleu unha xornada especial para conmemorar o centenario da descuberta da Arracada de Vilar de Santos (1924-2024), unha das pezas máis emblemáticas do patrimonio arqueolóxico galego.
O evento contou coa presenza de destacados expertos que abordaron desde diferentes perspectivas a relevancia histórica, cultural e identitaria desta xoia da ourivería antiga. A xornada foi presentada por Xosé Carlos Sierra Rodríguez, ex director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e membro do Consello Asesor do Museo da Limia.
Bieito Pérez Outeiriño, ex director do Museo das Peregrinacións e de Santiago e presidente do grupo Marcelo Macías, levou a cabo unha minuciosa exposición e análise da peza e reflexionando sobre a importancia do patrimonio material en relación ao papel social dos bens culturais, destacando o feito de que "non deben ser só para deleite e contemplación, senón que se deben apreciar na súa totalidade xa que están dotados dun valor documental que debe chegar á sociedade, tendo esta un papel activo na súa difusión e comprensión".
Francisco Fariña Busto, ex director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, explicou como foi o proceso de elaborar un emblema heráldico para unha institución no que a protagonista era a singular peza da Arracada. "Falamos do paso dunha significación individual á adquisición dun significado social, xa que unifica e engloba a unha comunidade que se identifica con ela".
José César Llana Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, destacou o valor histórico e artístico da Arracada, valorando o esforzo levado a cabo "para que a toda a cidadanía puidese desfrutar da peza orixinal".
Antón Jardón Dacal, coordinador do Padroado do Museo da Limia, subliñou o papel do Museo na conservación e difusión desta peza única. "Hoxe é un día de luxo, cúmplese o centenario dunha peza única e representativa que apareceu en Albariño e que atopou o señor Saburido por casualidade. O que non é casualidade é o que pasou despois de 1924. A asociación do Padroado do Museo da Limia sempre quixo aproximar o coñecemento desa parte da nosa historia e con esta proposta puidose levar a cabo este acto tan importante para a súa conmemoración". Rematou coa firme reflexión da importancia de traballar nos elementos de tipo histórico para aproximar o coñecemento do noso pasado á xente porque é importante ter memoria para ter unha proxección colectiva de grupo.
O acto rematou cunha cerimonia de entrega dunha peza honorífica á familia de Benito Saburido, en concreto a Josefa Saburido Traveso, neta do descubridor desta peza en 1924, como recoñecemento ao seu papel fundamental na preservación deste tesouro histórico.
A xornada completou unha programación que incluíu, ao longo do día, a exposición ao público da Arracada orixinal no Museo da Limia, en horario de 11:00 h a 18:00 h. Esta mostra foi unha oportunidade única para que máis dun centenar de veciños e visitantes puidesen admirar esta xoia de incalculable valor histórico.
Con este acto, o Concello de Vilar de Santos e o Museo da Limia reafirmaron o seu compromiso coa preservación e divulgación do patrimonio cultural galego, facendo desta conmemoración unha data inesquecible para a comarca e para Galicia.