CORONAVIRUS A LIMIA | O número de casos activos baixa nos concellos máis afectados
O número de casos activos na comarca da Limia é de 116 este mércores. Xinzo anota hoxe 81 casos, tres menos que onte. O resto dos concellos teñen 35. A cifra so subiu en Calvos de Randín, onde volven rexistrar un caso. Desde máximos, hai agora 43 días, a rebaixa no conxunto da Limia foi dun 19%.
As cifras de febreiro volven aos niveis de decembro pasado, xusto antes de que se disparasen os contaxios coas festas de Nadal e Aninovo. Xinzo ten hoxe o mesmo número de rexistros que tiña o 30 de decembro. Hoxe hai un concello a cero (Baltar), daquela había dous Calvos e Porqueira, que este último mércores de febreiro están en niveis moi baixos, con 1 e 4 casos respectivamente.
A respecto de hai un mes, o descenso apréciase coa mesma claridade. O 24 de xaneiro pasado, Xinzo tiña 231 casos activos. Catro semanas despois, a cifra reduciuse nun 35%.
Así están os rexistros
BALTAR (variación =) 0 (activos)
OS BLANCOS (=) 3
CALVOS DE RANDÍN (+1) 1
PORQUEIRA (=) 4
RAIRIZ DE VEIGA (-1) 6
SANDIÁS (-2) 13
SARREAUS (=) 1
TRASMIRAS (-1) 1
VILAR DE BARRIO (-2) 4
VILAR DE SANTOS (=) 2
XINZO DE LIMIA (-3) 81
En canto á incidencia nos últimos sete días, o número de casos anotados en Xinzo volve subir lixeiramente. Son hoxe 46, máis dos que reflectía a estatística do SERGAS o luns e o martes. Mentres, Baltar, Porqueira e Vilar de Barrio seguen sen novos casos diagnosticados nese período.
Na última actualización de datos a nivel provincial, onte ás 18:00 horas, o SERGAS informa de que en Ourense o número de casos activos de coronavirus é de 2.766.