miércoles. 16.04.2025

Os agricultores e gandeiros galegos van poder seguir empregando o xurro ou o esterco como fertilizantes nas súas terras, con toda normalidade, sempre empregando boas prácticas no caso dunha posible declaración de zonas vulnerables por nitratos de fontes agrarias. Así o afirmou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha interpelación no pleno da cámara sobre este asunto. Aínda así, lembrou que aínda se está á espera dos estudos definitivos por parte do Goberno central, que serán os que determinarán se é preciso levar a cabo esta declaración.


Na súa intervención, a titular de Medio Rural lembrou que, polo momento, aínda non se declararon estas zonas e advertiu que, en todo caso, as explotacións non van ter que adoptar medidas limitantes nin de ningún tipo no vindeiro mes de maio. Isto é así porque, segundo explicou, malia que se declaren ditas zonas, unha vez adoptada a medida a propia normativa estatal de aplicación establece un prazo de dous anos para aprobar un plan de actuación ao respecto.


María José Gómez engadiu que, cando se aprobe o devandito plan, pasarán a ser obrigatorias determinadas medidas relativas á fertilización agraria e á súa correcta adecuación ás necesidades do terreo e dos cultivos. Nesta liña, a conselleira insistiu en que o seu departamento "ten a obriga de declarar aquelas zonas nas que a contaminación estea causada significativamente por nitratos de orixe agraria". "Declararemos esas zonas como vulnerables cando o Ministerio o determine con certeza", remarcou.

Boas prácticas do sector

 

Ademais, a conselleira insistiu en que os gandeiros levan anos aplicando medidas orientadas a diminuír a contaminación, como a redución de vertidos de augas, cubrición de balsas de xurros e fosas máis dimensionadas, separadores de sólidos e líquidos ou reutilización de sólidos en camas de gando. Son todas elas, subliñou Gómez, actuacións subvencionables a través dos plans de mellora e do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).


Nesta interpelación, a conselleira defendeu o "bo traballo" dos gandeiros e agricultores galegos no cumprimento das normativas ambientais, así como a súa implicación para ter unhas explotacións cada día máis sustentables e respectuosas co medio. Como proba disto, argumentou o feito de que actualmente só tres comunidades da cornixa cantábrica non teñen áreas declaradas como zonas vulnerables por nitratos, e Galicia é unha delas.


A continuación, fixo un repaso cronolóxico da normativa ao respecto, empezando pola Directiva comunitaria aprobada en 1991 contra a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias, ata chegar ao Real Decreto 47/2022, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida por ditos nitratos. Desta última norma, destacou que establece unhas concentracións de nitratos máis baixas que as que recolle a devandita Directiva europea.

Mapas das augas publicados polo Goberno central

 

Neste contexto, a conselleira explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou, dun xeito provisional, os mapas das augas afectadas por esa contaminación difusa, que son de acceso público. Unha vez publicados estes mapas definitivos e cando estean concluídos os estudos sobre presións agropecuarias, urbanas e outras significativas realizadas pola Administración estatal, tocaralle actuar á Xunta, no caso de Galicia.

E puntualizou que a competencia para declarar zonas vulnerables corresponde á Consellería, se ben a elaboración de mapas coa localización de augas afectadas é responsabilidade do Goberno central. Por tanto, e tal e como se trasladou nas reunións informativas co sector agrogandeiro, aínda que non se compartan os criterios do Ministerio, trabállase para dar cumprimento á lexislación.


Cómpre engadir que Augas de Galicia remitiu ao devandito Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un escrito no que solicita que se realicen estudos complementarios e correccións nos que está a elaborar o Goberno central antes de declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos.


Considérase ademais que o estudo presentado polo Goberno de España non conclúe con claridade ata que punto a contaminación está provocada polas actividades agrogandeiras, por iso o que solicita Augas de Galicia é que o Goberno central, en coordinación coas comunidades autónomas, actualice este estudo, unha obriga que -de acordo co que establece ese real decreto- debe facerse cada catro anos.

Medio Rural avalará o uso dos xurros aínda que A Limia sexa declarada zona vulnerable