Un turismo que circulaba en dirección Celanova pola OU-531 colisión contra un tractor que circulaba en dirección contraria sen que as ocupantes dun e doutro vehículo resultaran feridas. Aconteceu pouco antes das 18:00 horas deste xoves nun cruzamento de varias vías, sen que a esta hora a Unidade de Atestados da Garda Civil puidera precisar como se produciu a colisión.
O accidente, segundo testemuñas, puido producirse mentres o turismo realizaba unha manobra de adiantamento e o tractor se incorporaba a OU-531 desde unha das vías. O turismo chocou contra a roda dianteira esquerda do tractor e o impacto afectou ao motor e provocou a rotura do parabrisas do tractor sen que o condutor sufrise danos. O turismo, cunha soa ocupante que tampouco sufriu lesións, acabou envorcado na gabia esquerda, con danos na parte dianteira e os airbags activados.
Até o lugar do sinistro desprazouse unha unidade da Garda Civil e minutos despois chegaron efectivos do 112, con persoal de Emerxencias. En principio, as dúas persoas involucradas no accidente non precisaron atención médica.
Aproximadamente unha hora antes, o 112 recibiu a alerta dunha colisión por alcance entre dous turismos na OU-117, a pista de Morgade que serve de acceso á A-52 desde Xinzo. Neste sinistro foi precisa a intervención dos servizos médicos para atender unha persoa que se queixaba de dores nun brazo e nas costas como consecuencia do impacto, segundo informa AXEGA.


