sábado. 23.11.2024

Nunha sentencia que asinan as maxistradas Amparo Lomo e María de los Ángeles Lamas, e como presidente, Antonio Piña, a Audiencia Provincial de Ourense vén de condenar a un home, veciño de Xinzo de Limia, a 8 anos de cárcere “como responsábel dun delito de abuso sexual" e "prohibición de achegarse a menos de 300 metros da menor, ao domicilio desta ou a calquera lugar frecuentado por ela”.


O tribunal considera probado que, en setembro de 2018, o sospeitoso, que tiña 24 anos, mantivo unha relación sentimental coa menor, quen tiña 14 anos. Nunha das reunións que mantiveron nun domicilio da súa familia, o acusado, segundo o tribunal, “insistiu en manter relacións sexuais con ela, accedendo finalmente a menor, e consumándose dita relación”, subliña unha nota de prensa difundida esta mañá pola Audiencia.


Os maxistrados, que ademais impuxéronlle ao home 8 anos de liberdade vixiada e o abono dunha indemnización á vítima de 3.000 euros, consideran que a declaración da vítima constitúe “proba de cargo” suficiente para estimar acreditada “a existencia do delito de abuso sexual obxecto de denuncia”


E destacan que desde a súa primeira declaración ofreceu unha “idéntica versión do sucedido”. Ademais, inciden en que o testemuño da menor está avalado pola testifical dunha das súas amigas, á que lle relatou o ocorrido co procesado, así como pola da súa nai, quen manifestou que nos días posteriores aos feitos percibiu como a súa filla “non durmía ben” e mesmo a levou ao pediatra. 


Na súa declaración tamén contou que notou como a súa filla “deixou de acudir á casa familiar do procesado, á que ía con frecuencia, xa que tamén era amiga da súa irmá”. A Sala indica que a relación sentimental entre ambos tamén resultou avalada por un amigo da menor e pola irmá do condenado. Por último, a Audiencia tivo en conta o resultado da pericial practicada polas psicólogas do Imelga, as cales non apreciaron fabulación por parte da menor.


O tribunal asume probado o condenado coñecía a idade da vítima, pois das testificais conclúe que “todas as persoas que se relacionaban na contorna familiar do procesado coñecían o feito de que tiña 14 anos, non 17”. Os xuíces aseguran que tiveron en conta que a diferenza de idade entre o acusado e a vítima é de dez anos. “Esta circunstancia obxectiva vai acompañada do feito de non resultar acreditado que o procesado presente unha madurez que non se corresponde coa súa idade”, indica na resolución, contra a que cabe presentar recurso.


A sentenza recolle que o home negou a súa participación “nos feitos referidos, si ben asume a existencia dunha relación sentimental coa menor, limitándoa a un período dunha semana”. O texto tamén sinala que a nai da menor coñeceu os feitos cando a acompañou a declarar diante da Garda Civil.

NOTICIAS A LIMIA | Condenado a 8 anos de cárcere un veciño de Xinzo por abusos sexuais...