A condutora dun vehículo marca Audi que este martes, pouco despois das nove e media da mañá, sufriu unha saída de vía na pista de Morgade, que une a A-52 con Xinzo de Limia, foi trasladada ao Hospital de Ourense polos servizos de emerxencia desprazados ao lugar do accidente.
Segundo fontes do operativo, a condutora, que era a única ocupante do Audi, modelo A4, estaba consciente no momento do traslado. Mais foi evacuada para sometela a un recoñecemento dada a violencia do impacto. O airbag saltou e o coche non presentaba danos na cabina, pero a parte dianteira estaba estragada, co motor afectado.
O vehículo, que circulaba na dirección de entrada a Xinzo de Limia, saíuse da estrada pouco despois da gasolineira Antela, caeu a gabia e circulou varios metros até deterse.
Até o lugar do sinistro acudiron dúas dotacións de bombeiros, os servizos sanitarios, Protección Civil de Xinzo e dúas unidades da Policía Local, que despois do accidente mantiveron a circulación alterna evitando cortar o tráfico, moi intenso a esa hora.


