NOTICIAS A LIMIA | Dezanove inscritas nos seminarios de formación que comezan mañá na Casa da Cultura
“Escollemos o tema do papel da familia na educación porque queremos mostrar como foi mudando co tempo, e queremos ver que percepción teñen os maiores de 50 sobre ese papel e abordar con eles os cambios na socialización de nenas e nenos”, explica o profesor Jesús García, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, que estará acompañado polas tamén profesoras da USC, Cristina Varela e Diana Priegue.
O Programa Universitario de Maiores comeza mañá sábado na Casa da Cultura cun seminario sobre o papel das familias na educación. “Vai ser un seminario moi dinámico”, avanza Jesús García. “Tratamos asuntos de interese social e sempre favorecendo a interacción e o debate, a reflexión”.
Hai 19 persoas anotadas para as tres xornadas en Xinzo. As seguintes celebraranse o 9 e o 23 de abril. Xinzo é a primeira vila de Ourense onde arranca o programa. Esta mesma fin de semana, haberá seminarios en Cambados, Vilagarcía, Lalín, Silleda, Porto do Son, Teo, Padrón, Muros, Noia, Ribeira, Outes, Melide, Arzúa e Vedra. O programa fai parte dunha iniciativa marco de democratización do coñecemento.
Este sábado o curso impartirase en dúas sesións, de 10:30 a 12:00 horas e de 12:15 a 13:45 horas. “Ofreceremos material teórico, mais tamén haberá vídeos e actividades prácticas”, sinala o profesor García.
García, que ten experiencia doutros anos como docente na universidade de maiores, explica que “a acollida sempre é moi boa, tanto pola temática, temos abordado por exemplo a cuestión do ocio durante o avellentamento, como pola maneira de trasladar ese coñecemento académico”.
Nos seguintes seminarios, Alejandro Gándara e Olaia Tubío, falarán o 9 de abril de cine documental; e o 23, Carolina Casal impartirá un curso sobre arte románica, con visitas a san Xoán de Vilar de Santos e a santa Mariña de Xinzo.