Pide reserva de prazas nos centros de acollida para animais de compañía a cargo de vítimas de violencia de xénero

NOTICIAS A LIMIA | Elvira Lama leva ao pleno da Deputación a adhesión ao programa VioPet

Lectura do manifesto da FEGAMP con motivo do 8M. Elvira Lama, a alcaldesa, con outros concelleiros. | FOTO: Noelia Caseiro.

A deputada do Grupo Socialista e alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, levou á Comisión Informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural da Deputación Provincial a proposta para que o organismo provincial incorpore o programa VioPet á ordenanza reguladora do servizo que prestan os centros de recollida de animais abandonados.

A iniciativa de Lama é un acordo do último pleno da corporación municipal de Xinzo, o pasado día 18, que pide a reserva de prazas de urxencia para a recollida e protección animais de compañía a cargo de vítimas de violencia de xénero, tal como recomenda o programa VioPet, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

O director da Área de Medio Medio Ambiente emitiu informe técnico con data 20 de maio de 2022, en relación coa adhesión ao dito programa VioPet. E o asunto está na orde do día para o pleno provincial do venres, coa seguinte proposta de acordos: que a Deputación provincial se adhira ao proxecto VioPet e promova a adhesión entre os concellos da provincia; e que se reserven prazas na Rede Provincial de centros de acollida de animais para supostos de urxencia naqueles municipios adheridos ao Convenio Marco da Deputación e adscritos ao VioPet.

Tamén se pide na moción que a Deputación promova entre as asociacións protectoras de animais a busca de casas de acollida temporal para animais a cargo das vítimas de violencia de xénero; que asuma o custo de estancia e a facturación nos casos de urxencia veterinaria dalgún dos animais acollidos no proxecto; e que propoña a realización de xornadas de concienciación sobre animais de compañía e violencia machista.

Por último, a iniciativa, que xurde dunha circunstancia da que tivo coñecemento do Concello de Xinzo de Limia, tal como explicou Lama no pleno municipal e na comisión deste mércores, demanda que a Deputación inclúa de xeito coordinado xunto coa Dirección Xeral de Dereitos dos Animais, nos seus programas provinciais de formación, actividades formativas para traballadores e traballadoras públicos nos sectores relacionados coa atención a vítimas de violencia de xénero.