NOTICIAS A LIMIA | A Garda Civil aínda non visitou a Casa da Cultura para investigar o roubo
A Policía Local de Xinzo de Limia confirmou esta mañá ao Diario do Limia que non rexistrou denuncia ningunha por parte do Concello de Xinzo de Limia a raíz dos roubos na Casa da Cultura que se desvelaron onte. A Policía Local explicou que recibiu unha chamada desde a concellería de Cultura, mais sinalou que os roubos son competencia da Garda Civil. A visita da Garda Civil, prevista para onte ás dúas da tarde, non se produciu. Tampouco a visita prevista para hoxe, entre as 15:00 e as 16:00 horas, malia que os responsábeis de Cultura e da asociación afectada, a Escola Rural de Saúde, estiveron esperando de novo.
Día e medio despois de que unha das responsábeis da Escola Rural de Saúde dese a voz de alarma tras atopar forzada a porta da aula que utiliza a asociación na segunda planta da Casa da Cultura, os corpos de seguridade aínda non realizaron inspección ningunha do lugar.
Pouco despois das 16:30 horas, o técnico de Cultura e unha das responsábeis da Escola Rural de Saúde decidiron acudir eles mesmos ao cuartel da Garda Civil para presentar as pertinentes denuncias. Desde a asociación, Lola Rico explicou ao Diario do Limia que a Escola Rural de Saúde rexistrou unha denuncia por roubo, e que o técnico de Cultura acudiu en calidade de testemuña.
Pouco despois das 16:30 horas, o técnico de Cultura e unha das responsábeis da Escola Rural de Saúde decidiron acudir eles mesmos ao cuartel da Garda Civil.
O material que bota a faltar a asociación é unha cámara web, un proxector, un monitor de ordenador e varios altofalantes, ademais de 240 euros, cartos das cotas de socios e doazóns. O material que bota a faltar o Concello de Xinzo é un portátil e un proxector, que foron extraídos dos maletíns nos que se gardaban, polo que os responsábeis municipais non poden determinar desde cando faltan.
O Concello de Xinzo de Limia non presentou denuncia ningunha polo momento, á espera de que ese material, como aconteceu noutras situacións, puidera ser restituído por alguén que está autorizado para utilizalo mais non rexistrou a súa retirada.
A Casa da Cultura de Xinzo volveu abrir este mércores pola tarde para uso das instalacións por parte do programa Hypatia de atención á mulleres, e ás oito da tarde o salón de actos acolleu a asemblea da comunidade de regantes de Corno do Monte á que asistiron máis dun cento de persoas.