NOTICIAS A LIMIA | Onda de solidariedade coa poboación ucraína, Xinzo responde á chamada
Víctor, da Froitería Fátima, con posto na praza de abastos de Xinzo, reparte froita todos os luns na zona de Verín. Esta semana leu nas redes sociais o chamamento da Asociación Eurocidade Chaves-Verín para prestar axuda á poboación ucraína afectada pola guerra.
A Asociación Eurocidade Chaves-Verín recolle material para o envío a Polonia, onde empezan a chegar refuxiadas e refuxiados do país veciños. O punto de recollida está en Feces de Abaixo, a uns 45 quilómetros de Xinzo. Está no percorrido que fai Víctor cada luns.
“Mais agora vou ter que ir o luns e o mércores, porque todo o que nos trouxeron nestes dous días xa non colle na furgoneta”, conta este mediodía mentres reúne a compañeiras do mercado para unha fotografía xunto ao material. “Xa é cousa de toda a praza... sobre todo das clientas, que non paran de traer cousas”.
Hai mantas, roupa de abrigo, produtos de hixiene persoal. O material ocupa un local aberto no fondo da praza. “Foi algo espontáneo, en canto o colgamos nas redes, o mércores a primeira hora, apareceron as primeiras doantes”, di Víctor. Este venres, unha muller deixa tres paquetes. “Son toallas, cueiros e unha manta... tería traído máis, pero case non dou nin metido esta na bolsa. Non podo coller moito peso”, descúlpase.
“Que penso da guerra?”. Torce o xesto e responde cun ataque a Putin sen nomealo. A onda de solidariedade está alimentada desde un discurso mediático que caracterizou vítimas e verdugos. A solidariedade e a xenreira veñen, case sempre, da man. “Agora o máis urxente parecen as mantas e a roupa de inverno”, considera Víctor, que a próxima semana fará un ou máis viaxes extra a Feces. “É o que toca”, di convencido.
INICIATIVA MUNICIPAL
“Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave ditos cimentos humanos”, advirte o Bando municipal asinado este venres pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama. Os dereitos humanos están na base deste outro discurso, o institucional, que tamén anima a solidariedade coas ucraínas e ucraínos.
O Bando vén facer oficial o anuncio do Concello de Xinzo onte pola tarde sobre a creación dunha rede de acollida en Xinzo. “Xa se anotou unha familia para acoller persoas refuxiadas”, confirma o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, responsábel do operativo municipal.
O luns empezarán a elaborar un censo de familias candidatas. Despois, empezarán unha rolda de visitas e seguimento, “para saber se son ou non son idóneas para esta tarefa”, di Martínez. A lista definitiva remitiras á Subdelegación do Goberno en Ourense. A partir de aí, será cousa dos mecanismos do Estado e as ONG instalar persoas refuxiadas en Xinzo.
Precísanse con máis urxencia alimentos non perecedeiros e medicamentos, así como material sanitario", di o Bando municipal de Xinzo deste venres.
A maiores, o Concello pon a disposición da veciñanza dous puntos de recollida de material. Empezarán a funcionar tamén o luns. Estarán na Casa do Concello e na sede de Protección Civil no edificio Multiusos. O Concello distribuirá o material recollido tamén a través das canles que abra o Goberno do Estado.
Polo de agora, non se produciu a coordinación entre as diferentes iniciativas privadas e públicas de recollida de material. Mais en todas as chamadas se repiten as necesidades. “Precísanse con máis urxencia alimentos non perecedeiros (café, leite en po, galletas, cacao...) e medicamentos (ibuprofeno, paracetamol ou amoxicilina) así como material sanitario como tesoiras, luvas, vendas, agullas, parches antiqueimaduras, etc.”, subliña o Bando municipal de hoxe.