Ramón Gómez asegura que visitantes e veciños, e maioritariamente tamén a hostalaría, están a favor da medida

NOTICIAS A LIMIA | “O peche de rúas a fin de semana é unha proba piloto”, di o concelleiro de Mobilidade de Xinzo

Vehículos e peóns este martes na rúa San Roque, despois de case tres días de peche da rúa. | FOTOS: Noelia Caseiro.

“O que me comentan a maioría da xente de Xinzo e dos visitantes indica que están perfectamente de acordo coa medida”, sostén Ramón Gómez, concelleiro de Urbanismo e Mobilidade de Xinzo de Limia despois de dúas fins de semanas con peches desde o mediodía do sábado até o martes (os dous últimos luns foron festivos) nas rúas Lepanto, San Roque e da Igrexa, no casco vello da vila.


“Hostaleiros e restauradores tamén están encantados. No comercio? Pois opinións para todos os gustos”, asegura o concelleiro. “No caso dos comerciantes, depende da visión que teña cada un do que é unha zona peonil, os beneficios e os prexuízos que pensen que lles ha traer”, afonda Gómez, quen en todo caso espera que sexa posíbel conciliar intereses. “Sempre estamos abertos a propostas, todo é perfectamente mellorábel. Son unha persoa conciliadora e creo no diálogo como vía para solucionar calquera conflito”.


Ramón Gómez subliña que se trata dunha “proba piloto”, cun horizonte temporal definido, “os meses de xullo e agosto”. Máis adiante, di, haberá unha avaliación conxunta do grupo de goberno. “Non estamos pensar en prórrogas nin novos ensaios. Isto é unha proba piloto durante as fins de semana. Nada máis”.


Nese medio prazo, Gómez considera que a guía da política de mobilidade debe ser “a que mantén a concellería de Mobilidade: garantir en primeiro lugar a seguridade viaria”. E recoñece que desde setembro a afluencia de público á zona redúcese cada ano. Así que, sinala, son dúas variábeis “que cambian e que haberá que ter en conta nesa deliberación do goberno e tamén cos técnicos da Policía Local”.

“Non estamos pensar en prórrogas nin novos ensaios. Isto é unha proba piloto durante as fins de semana de xullo e agosto. Nada máis”, di o concelleiro de Mobilidade.


“A nós parécennos moi ben. Hai que quitar os coches destas rúas todo o que se poida”, di Elizabeth, do Bar Entroido, que abriu hai apenas uns meses nunha zona de alto tránsito entre a praza Maior e a rúa San Roque. “A semana pasada un coche estivo a piques de atropelar un neno. Quedou nun susto, pero o espazo é moi xusto”, di o único bar da rúa coas únicas terrazas da rúa. “A min, particularmente, nin me beneficia nin me prexudica, porque pecho o sábado á unha e media e non abro até o luns”, explica Mary, dunha tenda de Todo a Cen na San Roque, “pero penso que esta é unha rúa complicada e que esta medida é un paso máis nesa idea que teñen no Concello de pechar todo o tempo”.

Elizabeth, no bar Entroido, este martes.

Ni Elizabeth nin Mary foron informadas do peche nin dos motivos. E este martes aínda non coñecían a duración da medida transitoria. Nos dous negocios de panadería do inicio da San Roque tamén son críticas co peche. “A nós no que máis nos prexudica é na descarga. O sábado inda tes unhas horas, pero o domingo e o luns estivo pechado todo o día. Si, din que se pode chamar á Policía Local para que abra, pero na fin de semana das festas o que tivemos que entrar polos viños”, explican na panadería San Victorio. “Para a nosa clientela é un problema. Non digo que se estacione, pero si que se poida pasar o sábado e o domingo, porque hai negocios que o precisamos”, opinan na Confitería Xinzo.

Clientes na panadería San Vitorio, xunto a Praza Maior, este martes.

Nunha liña similar se expresa nunha carnicería da rúa San Roque e nunha cafetería da Praza Maior. “Aparcar, non; de acordo niso. Mais a xente está habituada a vir comprar de mañá e ter o coche a man para cargar. Penso que é unha forma de promover o negocio das grandes superficies, desde que levaron o Eroski de aquí parece que todo o que se fai vai nesa dirección”, declara un empregado da carnicería. Mari, do Gran Café, di que coñeceu o peche “pola prensa” e pensa que “ten máis sentido pola noite que polo día”.