Camilo Vila, candidato do BNG ás eleccións municipais en Xinzo, presentou a nova acción da asamblea local do partido, os Cafés do BNG. Esta actividade tomará o relevo da iniciativa pola que Vila e o seu equipo percorreron unha por unha as aldeas do concello, e agora adicarán os próximos dous meses a organizar coloquios en diferentes localizacións da vila.
Cafés do BNG segue a estela dos "exitosos" Vermús do BNG e debatirá sobre temas de importancia para a veciñanza, xunto coa participación dalgunha persoa especialista na materia. Este venres será o primeiro destes cafés e o tema que se abordará será "As violencias machistas. Tipos de violencia, como identificalas e como eliminalas", de libre acceso a todos os veciños que queiran participar .
Este encontro terá lugar o vindeiro venres no Café Rudi, ás 20:00 horas, e contará coa participación de Raquel López Fernández, especialista en Igualdade no eido da educación cunha traxectoria amplamente recoñecida no eido dos estudos nesta materia e participante no Grupo de Traballo Fiadeiras, na Asociación da Cooperación pola Paz ou a Fundación Intered.