miércoles. 22.01.2025

O Concello de Xinzo de Limia e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) renovaron o acordo de cesión da sede local da asociación, reafirmando o compromiso municipal coa atención e apoio ás persoas afectadas polo cancro na comarca.

 

O acto de sinatura, celebrado no despacho da alcaldía, contou coa participación do alcalde, Amador Díaz, do presidente da Asociación en Ourense, German Rodríguez-Saa, e da concelleira de servizos sociais, María Ángeles Martínez, quen subliñou a importancia de manter e reforzar esta colaboración: "Desde o Concello de Xinzo de Limia queremos garantir que todas as persoas afectadas polo cancro na nosa comarca dispoñan de recursos próximos e accesibles. Este acordo é unha mostra do noso compromiso coas familias e coa saúde da nosa comunidade".

 

Sinatura do acordo coa AECC.
Sinatura do acordo coa AECC.

 

Grazas a este convenio, a AECC continuará desenvolvendo programas de atención integral, prevención e investigación oncolóxica desde a sede local cedida polo Concello. A iniciativa reflicte a aposta do goberno municipal por colaborar activamente con proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza.

 

A través deste acordo, o Concello de Xinzo de Limia reforza o seu papel como axente clave na loita contra o cancro, poñendo a disposición da AECC os recursos necesarios para que ninguén quede atrás.

NOTICIAS XINZO | O Concello renova o seu compromiso na loita contra o cancro