O Concello de Xinzo de Limia xa ten operativo o seu Punto de Actualización de Documentación (PAD), un servizo que permitirá á veciñanza renovar as chaves do DNI electrónico e actualizar certificados dixitais de maneira rápida e sinxela.
A posta en marcha deste servizo foi posible grazas a un convenio entre o Ministerio do Interior, a través da Policía Nacional, e o Concello de Xinzo de Limia. Durante a inauguración, na que estiveron presentes o alcalde Amador Díaz, o concelleiro Ramón Gómez e o inspector xefe da Policía Local; o comisario da Policía Nacional de Ourense, Castor Vázquez, explicou en detalle o funcionamento da máquina, destacando os beneficios que suporá para a cidadanía.
A nova ferramenta facilitará trámites administrativos de xeito áxil e accesible, evitando desprazamentos innecesarios. O Concello reafirma así o seu compromiso coa modernización dos servizos públicos e coa mellora da atención á veciñanza.