O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, o tenente de alcalde, Antonio Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, visitaron xunto aos técnicos e concelleiros as obras de mellora do saneamento no municipio, que supuxeron un investimento de 1.011.000 euros. As actuacións permitiron eliminar as verteduras incontroladas ao río Limia e canalizalas ata a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) municipal.
Os traballos realizáronse en diferentes puntos estratéxicos do municipio, incluíndo a zona do antigo matadoiro Rubio, a estrada de Baltar, a avenida de Portugal e a marxe esquerda do río Limia, afectando ás piscinas municipais, ao pavillón e ás instalacións deportivas.
O alcalde, Amador Díaz, destacou a importancia deste proxecto: "Estas obras eran unha necesidade urxente para Xinzo, non só por unha cuestión ambiental, senón tamén para garantir a calidade de vida da nosa veciñanza. A implicación da CHMS permitiu dar resposta a unha demanda histórica, resolvendo un problema que afectaba directamente á nosa contorna natural".
As actuacións consistiron na construción dun colector na marxe esquerda do río Limia entre a avenida de Portugal e a avenida de Dous de Maio, co obxectivo de recoller as verteduras das vivendas situadas nesta zona, así como os das instalacións deportivas municipais. Ademais, realizouse un cruce subterráneo do río cara ao parque de O Toural, onde se instalou unha estación de bombeo que redirixe as augas residuais á rede municipal de saneamento para o seu tratamento na EDAR.
Dado o desnivel do terreo, foi necesaria a construción dunha estación de bombeo intermedia, que garante o correcto funcionamento do colector por gravidade. Ademais, instalouse unha terceira estación de bombeo para canalizar os vertidos da zona do antigo matadoiro Rubio ata a rede municipal de saneamento.