Están previstas intervencións en bancos e xardineiras e en áreas recreativas

NOTICIAS XINZO | Novo obradoiro de emprego para realizar obras en Xinzo e Sandiás

Obras na antiga escombreira xunto á estrada de Baltar durante unha visita da alcaldesa de Xinzo. | FOTO: Concello de Xinzo.

Apenas un mes despois da entrega dos diplomas acreditativos ás alumnas e alumnos que participaron no Obradoiro de Emprego Vía da Prata, os concellos de Xinzo de Limia e de Sandiás volven unir forzas para organizar un novo curso, con 20 prazas, co obxectivo de “revalorizar o Camiño de Santiago e favorecer a inserción laboral”. 


Nun comunicado de prensa emitido este martes, o Concello de Xinzo informa de que “un total de 20 alumnos realizarán así traballos que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida e relacionada directamente co devandito traballo favorecerá a súa inserción no mercado laboral”. 


O obradoiro está cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco das subvencións para os obradoiros duais de emprego. Desta volta a duración do obradoiro será de 12 meses, fronte aos 9 do anterior que rematou co acondicionamento dun xardín a carón do río Limia xunto á estrada de Baltar.


No caso do concello de Xinzo de Limia, indica a nota, “establécense actuacións como a instalación de bancos e xardineiras nos cubre contedores de lixo e noutros espazos do municipio. Tamén se prevé acondicionar un parque e unha zona verde en Rosalía de Castro”. 


No concello de Sandiás levarase a cabo “o acondicionamento das áreas recreativas de Couso de Limia, Souto e Chousela. Tamén se actuará no Campo de San Nicolás ou no patio do edificio de vivendas sociais de Piñeira”.