miércoles. 22.01.2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na entrega dos II Premios Nacionales de la Patata, celebrados na localidade valisoletana de Medina del Campo, na que se puxo en valor o esforzo e dedicación daquelas persoas e empresas que contribúen de maneira significativa ao desenvolvemento deste sector.

Durante a súa intervención nestes galardóns, a conselleira do Medio Rural salientou o bo facer dos homes e mulleres que traballan a terra para obter produtos agroalimentarios de gran calidade. Neste sentido, destacou que Galicia é unha "gran despensa" de produtos que son sinónimo de "sabor e calidade".

Ademais, María José Gómez fixo fincapé en que Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis certificacións de calidade de España, cun total de 36, entre denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas como é a IXP Pataca de Galicia. "Podemos dicir moi orgullosos que os produtos galegos son recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras", engadiu.

María José Gómez coa premiada María Antonia Calvo.

 

Por outra banda, destacou a importancia da industria agroalimentaria galega, de especial relevancia dentro da economía da nosa comunidade, que xera un importante volume de negocio e contribúe á conservación do medio rural. Nesta liña, afirmou que desde o Goberno autonómico seguirase apostando por esta industria.


A entrega dos II Premios Nacionales de la Patata celebrouse no Auditorio Municipal Emiliano Allende de Medina del Campo, e con eles recoñécese a excelencia do cultivo deste tubérculo en España, así como aos produtores, operadores, industria, distribución, restauración e institucións involucradas.

Os premios, organizados pola Revista Campo, recoñeceron este ano na categoría de Premio Productora de Patata del Año a María Antonia Calvo, agricultora e cofundadora de Agrocebola, empresa con sede na localidade ourensá de Xinzo de Limia que produce máis de 2,5 millóns de quilos de pataca ao ano.

NOTICIAS XINZO | A limiá María Antonia Calvo, recoñecida como produtora de Pataca do Ano