O Concello de Xinzo crea tres novos espazos para o intercambio de libros nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia

NOTICIAS XINZO | Trocalibros convida a compartir a paixón de ler

Lama e Penabade presentaron onte o programa Trocalibros. | FOTO: Concello de Xinzo.

“Só hai que seguir catro pasos para gozar dunha auténtica biblioteca ao aire libre en Xinzo de Limia: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura”, explica nun comunicado emitido este martes o Concello de Xinzo, que presentou unha iniciativa que leva por nome Trocalibros e fai unha invitación a veciños, veciñas e visitantes a compartir “a paixón de ler nalgúns dos espazos públicos máis fermosos da vila”. 


Nos últimos días, informa o Concello, colocáronse exemplares da categoría infantil e xuvenil nos dispositivos instalados para este fin e emprazadas nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia. A alcaldesa, Elvira Lama (PSOE), e o concelleiro de Deportes, Rafael Penabad (PSOE), visitaron onte eses espazos. 

Tamén estarán ao dispor dos apaixonados á lectura dúas maletas viaxeiras con literatura para todos os públicos nas piscinas exteriores de Xinzo de Limia, coincidindo coa época de verán.


A rexedora prevé que a iniciativa teña unha moi boa acollida, “pois as casetas instaláronse o venres ao mediodía e pola tarde xa había nenos intercambiando libros”. Lama recordou os obxectivos da iniciativa: “A intención é fomentar a lectura e inculcar aos máis pequenos que o que non se use pode ter outra vida. Ademais, achegamos así os libros aos nenos e nenas nunha época na que parece que se abusa das pantallas”.


O Concello de Xinzo destaca que tamén estarán ao dispor dos apaixonados á lectura dúas maletas viaxeiras con literatura para todos os públicos nas piscinas exteriores de Xinzo de Limia, coincidindo coa época de verán e coas altas temperaturas que enchen este espazo de veciños, veciñas e visitantes a diario. 


Para empregalas e intercambiar os libros débese seguir o mesmo procedemento que nas casetas: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura. Os libros que se puxeron a disposición da cidadanía foron escollidos na Casa da Cultura, buscando que esperten o interese de diferentes grupos de idade, conclúe a comunicación municipal.