O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia celebra o compromiso do Goberno central no inicio da segunda fase do proxecto de recuperación do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras e que contará cun orzamento inicial de 920.000 euros e cunha financiación a dúas bandas entre a CHMS (85%) e o concello (15%) en tres anualidades.
Dende o grupo municipal socialista lembran que a recuperación deste monumento "foi unha aposta do anterior equipo de goberno encabezado polo PSOE", xa que tal e como apuntan "foi no anterior mandato cando se conseguiu materializar a primeira fase das obras, que contaron cun investimento de 717.000 euros". Unha fase, que en palabras das e dos socialistas "serviu para pór en valor un ben patrimonial, arquitectónico e cultural, que estaba na lista vermella de monumentos en serio risco de desaparición, destrución e alteración esencia dos seus valores dende o ano 2008 e que nunca foi merecente de atención por parte dos anteriores gobernos do PP".
En abril de 2024, o PSdeG-PSOE de Xinzo presentaba unha moción, que foi aprobada en sesión plenaria, na que instaba ao concello a solicitar da CHMS o inicio da segunda fase das obras no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. En decembro de 2024, o pleno acordou por unanimidade a aprobación do convenio entre a Confederación e Concello para financiar as obras de construción das infraestruturas hidráulicas e recuperar o cenobio do século XVI.
O grupo municipal socialista en Xinzo de Limia tamén lle pide ao goberno municipal "maior ambición", apostando "pola elaboración dunha axenda de visitas e un horario de apertura do mosteiro, a fin de que poida ser visitado e preservado de posibles actos vandálicos".
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, salienta que "gracias ao traballo do PSOE recuperaremos un ben patrimonial único para o noso municipio e potenciaremos as visitas ao mesmo". A voceira socialista destaca os "importantes" investimentos que o Goberno central está levando a cabo en Xinzo, "gracias, principalmente a labor do anterior equipo de goberno municipal, que encabezamos, e que foi quen de lograr estes vitais investimentos para o noso concello".
Dende o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia argumentan que "tódalas obras executadas, as redes de canalizacións de auga, as estancias e a historia do mosteiro ao longo dos séculos non debe quedar no esquecemento". Elvira Lama subliña que "coa axuda dos arquitectos, arqueólogos e técnicos que participaron en tan importante reconstrución, débese continuar coa segunda fase, para a cal é de novo imprescindible a aportación e colaboración da CHMS".