miércoles. 22.01.2025

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia critica o "grave" estado de deterioro que presentan numerosas rúas no casco vello e outros barrios da vila. As e os socialistas denuncian os "enganos e mentiras" do alcalde Amador Díaz e do Partido Popular en relación ao Plan Hurbe, "retrasado sine die e que non aparece nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025".

Dende o grupo municipal socialista afirman que "os numerosos anuncios de reparación de rúas repítense cada dous meses, pero non hai nin un plan de actuación definitivo, nin financiamento por parte da Xunta de Galicia". Neste senso, tamén destacan que a gran actuación prometida pola Xunta de Galicia e polo alcalde para mudar o goberno de Xinzo, como era o Plan Hurbe, "non recibe a financiación prometida e necesaria para reformar todo o casco vello de Xinzo, polo que transcorre a variante da Vía da Prata do Camiño de Santiago, e que segue presentando un estado lamentable".

En referencia ao casco vello, dende o PSOE de Xinzo explican que tras varias actuación de mantemento e reparación de lousas de pedra durante os últimos anos, "as máis recentes, feitas durante este mandato en aglomerado ou cemento, non se corresponden coas actuacións axeitadas para este tipo de vía, protexida polo patrimonio cultural de Galicia".

Fochanca no casco vello de Xinzo.
Fochanca no casco vello de Xinzo.

 

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, subliña que "as promesas que motivaron o pacto de Amador Díaz e Axil co PP non aparecen materializadas por ningures". A edil socialista tamén pon o foco no "pésimo estado destas rúas", argumentando que "son numerosas as caídas e as feridas provocadas polo gran número de placas de pedra estouradas co paso dos vehículos de gran tonelaxe, e tamén aumentaron as reclamacións por mor das numerosas e graves lesións que sofren a diario as persoas que transitan por estas rúas".

"Unha vez rematadas as festas de Nadal, e a menos dun mes de que comecen as semanas do Entroido mais famoso de Galicia, seguimos esperando polas obras nas principais rúas do casco vello, Lepanto, Constitución e Galicia, incluída a Praza de Oriente, onde se celebran os puntos centrais desta celebración festiva", destacan dende o PSOE de Xinzo.

Lama Fernández fai fincapé en que "está máis que demostrado o escaso ou nulo peso do Partido Popular de Xinzo no seo da Xunta de Galicia, e aínda máis, o papel da recen estreada deputada e concelleira de deportes, Cristina Campero". A voceira socialista considera que o PP "é incapaz de traer para Xinzo ningunha das obras prometidas ao grupo de AXIL, ou alo menos algunha digna mención, porque haber hai moitas necesidades, que son competencia directa da Xunta".

O PSOE de Xinzo denuncia o “lamentable estado” do casco vello e a parálise do Plan Hurbe