sábado. 23.11.2024

OPINIÓN | Este non é o futuro que quero para os meus fillos!

Ganado afectado por enfermedad de EHE.
Gando afectado por enfermidade de EHE.

Temos unha enfermidade que ataca as nosas reses, producida por un insecto. Cada unha presenta unha sintomatoloxía distinta: floxeira nas extremidades, insuficiencia respiratoria, úlceras no fuciño, na boca, lingua descolgada, vómitos, diarrea, febre, etc. Bonito cadro temos cada vez que imos ver o noso gando. Non sabemos que panorama imos topar.

 

Impotencia ver que quen che deu de comer, agora morre lentamente e ti, sen poder poñer remedio. Ver como se sume pouco a pouco. Intenta comer, pero non pode: nin herba, nin fariña, nin pan. Nada. Noites sen durmir e vendo, moitas veces, a túa propia saúde en perigo, sobre todo a psicolóxica. E o que máis me fastidia son eses que din: "Si che morre unha, non te queixes, logo algo che dará a Xunta". Penoso e vergoñento, pois esa é a publicidade que se quere dar: que estamos cheos de axudas.

 

Pouco saben que estamos á nosa sorte, non temos veterinarios que cubran o territorio. Os poucos que quedan están saturados de traballo. Resulta que nos vacinan de lingua azul, e o que mata as nosas vacas, a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE), ten que ser un veterinario clínico (previo pago dos servizos) que vaia á túa explotación e diga que as vacas presentan síntomas compatibles coa EHE. Logo, os servizos veterinarios da zona abren acta e, en teoría, son os encargados de facer as probas pertinentes para confirmar que esas vacas teñen EHE. Digo en teoría, pois a realidade é outra. Nós temos que pagar, en moitos casos, ó veterinario clínico estas probas, pois os da OAC NON dan abasto para atender tantos casos como temos en Ourense.

 

Dende o 7 de agosto, xa temos vacina, vacina que só pode poñer o veterinario clínico. A miña pregunta é: Por que os servizos de Medio Rural non cambian o protocolo e, en lugar de vacinar de lingua azul, non nos vacinan de EHE? Non se deron conta de que o que nos está mermando as explotacións non é a lingua azul?

 

Vaca perteneciente a Mima Barazal Vivian.
Vaca perteneciente a Mima Barazal Vivián.

Aquí deixo o meu sentir, onde vexo cada día máis incoherencias e máis sinsentidos, nun sector onde se arranxan os problemas dende un despacho e non se ten en conta á xente que traballa, vive e quere seguir vivindo desto.

 

Son o meu modo e medio de vida. Se elas caen, nós imos detrás. De que vale que che paguen 400 ou 500 euros? A vida da miña vaca vale máis ca iso, non son cartos, é o becerro que abortou, son os que nunca máis parirá... e son 8 anos que levaba con nós e sabías como era no manexo. Non é unha vaca máis, era a nosa Malú!!

 

Mima Barazal Vivian, 

Gandeira de Arzoá, Vilardevós. 

OPINIÓN | Este non é o futuro que quero para os meus fillos!