Despois de que na sesión plenaria do xoves se aprobase o expediente de honra ao capitán da Garda Civil, José Luis Casas, o salón de plenos de Xinzo foi esta mañá o escenario do acto de entrega da Medalla do Concello a este profesional e ao que asistiu o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso.
A súa dedicación en prol da seguridade dos veciños foi recalcada pola alcaldesa, Elvira Lama: “Dende a súa chegada a este pobo mostrou a súa entrega incondicional a unha profesión para a que fai falla moita vocación. Puxo o todo o seu empeño en colaborar cos diferentes alcaldes e con esta alcaldesa en canto á seguridade cidadá. A súa total disposición 24 horas e sete días á semana está fóra de toda dúbida. A corporación quere expresar o agradecemento de todo un pobo á súa traxectoria con este acto sinxelo pero emotivo”.
Pola súa parte, o capitán José Luis Casas, agradeceu así o recoñecemento: “Para min é un honor que recoñezan o meu traballo. Só fixen cumprir coa miña obriga. Sempre foi un pracer colaborar cos alcaldes deste concello, puxéronmo moi fácil. Nunca tiven a porta pechada no Concello e sempre a tiven aberta para o que fixera falta”.
Natural de Vilardevós (1970), superou a oposición no corpo da Benemérita, e tralo seu paso pola Academia de Baeza (Jaén) e un ano de garda en prácticas no posto de Riós, foi nomeado Garda Civil profesional.
En 2010 ascendeu a tenente e obtivo destino na Compañía de Celanova como adxunto da mesma e con sede en Xinzo. O ascenso a capitán chegou o 6 de setembro de 2020, polo que vén de conseguir o seu primeiro destino no cargo.