jueves. 21.11.2024

"En Xinzo e na Limia báilase e cántase, desde tempo inmemorial, nas vodas, nas festas e romarías, nas pandeiradas, nos alalás, nas foliadas, nos fiadeiros, nos cantos de taberna e nos cantos da seitura, nas festas patronais, nos cantares de arrieiro e en todas as diversións privadas ou comunitarias. Das dotes musicais da nosa terra e dos galegos dá idea o feito certo de que, non só nas vilas senón en moitas aldeas, existiron e existen gaiteiros, grupos de danza e bandas de música que fan un labor altamente meritorio para o mantemento do noso folclore galaico", comentaba Edelmiro Cerredelo nunha entrevista co Diario do Limia o 19 de xaneiro pasado.

Este venres, 18 de febreiro, ás 20:15 na Casa da Cultura de Xinzo, o autor presentará por fin unha das súas últimas obras, Historia musical de Xinzo de Limia. Estará acompañado pola alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; a directora do Conservatorio, Esmeralda Marra, e o director da Escola de Gaitas, Fernando Dopico, segundo informou o Concello de Xinzo nun comunicado de prensa este luns.

Miro Cerredelo 3. Entroido. Historia
Miro Cerredelo, o pasado xaneiro.

O Concello de Xinzo, que edita o libro, lembra que se trata dunha "homenaxe a aqueles que fixeron que o concello sexa o berce de grandes artistas". E engade que o pasado mes de novembro "o auditorio da Casa da Cultura case se queda pequeno para dar cabida aos veciños que quixeron participar na presentación do libro O Entroido de Xinzo de Limia, do mesmo autor.

Nesta ocasión, está prevista ademais a actuación dun grupo do Conservatorio e da Banda de Gaitas.

Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro (Xinzo de Limia, 1946), historiador, ten publicado unha ampla serie de estudos sobre Xinzo, entre eles, unha Historia da vila e un ensaio sobre a guerra civil e o primeiro franquismo en Xinzo.

AXENDA | Presentación este venres da Historia musical de Xinzo, de Edelmiro Cerredelo