A primeira fin de semana de febreiro de 2022 comeza en Xinzo de Limia o ciclo do Entroido coa celebración do Petardazo (pasado mañá, sábado) e o Domingo Fareleiro. A festa volve ser cousa da xente, dado que tanto o Concello de Xinzo como a Comisión do Entroido decidiron, diante da situación sanitaria, prescindir do discurso e o chupinazo o sábado e tampouco haberá reparto municipal de fariña o domingo.
Sen orquestras nin concertos para evitar as aglomeracións, a animación na rúa porana ás charangas, con percorridos máis descentralizados a respecto outros anos e limitación horaria. As autoridades sanitarias aconsellan manter as medidas básicas e a publicidade institucional reduciuse ao mínimo para evitar calquera cousa que se poida considerar efecto chamada. O Entroido-en-covid arranca contido, familiar e tradicional. Pero arranca.
MUSEO DESDE O SÁBADO
O Museo da Limia en Vilar de Santos volve abrir as portas este sábado (tamén o domingo) nos horarios habituais de mañá (11:30-13:30 horas) e tarde (16:00-18:00). En xaneiro non só se renovou a directiva do padroado, tamén se adaptou algún espazo para os novos inquilinos: a Asociación de Artesáns da Limia, LIMIAR. O colectivo de artesáns impartirá obradoiros no Museo e tamén se encargará de guiar visitas en grupo. A primeira delas, o próximo día 12 de febreiro. Hai 24 prazas.
No Museo segue en exposición a homenaxe a Antón Tovar, mentres o padroado anuncia un acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para actualizar a información sobre o propio Museo. Ademais dos dípticos, vaise elaborar unha unidade didáctica para ampliar a información ás visitantes. Terá versión en papel e versión web.
A ARCA BAIXA O RITMO ESTE MES
E se o Museo recupera actividade este mes, a Arca da Noe, tamén en Vilar de Santos, reduce a programación. A festa estará no Entroido até a primeira semana de marzo. Aínda así, na Arca anuncian travesía musical e literaria. Empeza mañá mesmo, venres día 4, coa actuación do cantautor ferrolán Óscar Fojo, acompañado ao piano por Hugo Martínez. Será unha cea-concerto para que é necesaria a reserva (no 699486282). O prezo, 20 euros.
CROS NO HIPÓDROMO
O primeiro evento deportivo do ano (fóra das competicións ligueiras) terá como escenario o Hipódromo de Antela, en Sandiás. A proba atlética Cros de Antioquía regresa ao calendario galego de atletismo coa disputa da súa terceira edición este domingo, 6 de febreiro, a partir das 11:00 horas e sobre un recorrido de 7 quilómetros campo a través. Para realizar a inscrición, as atletas deberan cubrir o formulario habilitado na web https://sportmaniacs.com/es ou na app SAUDETER. Para inscribir a un equipo será necesario enviar un correo electrónico a [email protected] indicando o nome do equipo e nome e apelidos dos catro atletas que o compoñen.