jueves. 21.11.2024

A axenda musical da comarca da Limia desprega desde esta fin de semana unha ampla oferta de citas e xéneros musicais, empezando polos concertos pop de Sr Jingles mañá na Arca da Noe (Vilar de Santos) e clásico da Agrupación Musical da Limia, o sábado, na Igrexa nova de Xinzo. Tamén volve o jazz. Será a partir da segunda fin de semana de abril co sexto ciclo de jazz da Corte dos Bois (Sandiás). 


CLÁSICA. O concerto Converxencias coa Agrupación Musical da Limia terá a Igrexa Nova como escenario e fai parte dos actos do Mes da Muller organizados polo Concello de Xinzo de Limia. Carmen Ferreiro, directora da orquestra do CMUS de Santiago de Compostela e María Mendoza, compositora e mestra do CMUS de Ourense, dirixirán a actuación, que dará comezo ás 20:00 horas. A entrada é gratuíta.


POP E ELECTRÓNICA. Na Arca, mañá venres, a partir das 20:30 horas, terá lugar a actuación do músico valdeorrés Ramiro Núñez, Sr. Jingles, un concerto acústico de pop no que presentará os doce temas do seu disco El grito de Wilhelm, no que tamén participou outro músico valdeorrés, Jorge Ojea. Despois do paso dos Lubicáns a semana pasada, a sala de Vilar de Santos muda de estilos para esta última fin de semana do mes. 


O sábado chegará a quenda de Garza, un proxecto de música electrónica creador por Adrián Charlín, quen despois de anos á batería en diferentes bandas do rock galego, comeza unha nova etapa como produtor. Cada concerto ten un prezo de 20 euros (incluíndo a cea).


JAZZ. Para abril, A Corte dos Bois anuncia o seu sexto ciclo de jazz. Comeza o día 9, sábado, co concerto de Pablo Castaño Quartet. Unha formación que no 2018 publicou A-la-láa coa colaboración de Ugia Pedreira, un disco que fusiona o tradicional co jazz produto dunha investigación nos arquivos do Museo do Pobo Galego e da musicóloga Dorothé Shubart, unha muller cuxa historia tamén se contará este mes de abril na Limia, na universidade de maiores.


O cuarteto está hoxe formado por Dani Domínguez (batería), Yago Vázquez (piano), Pablo Patiño (contrabaixo) e Pablo Castaño (saxo). O concerto terá lugar o 9 de abril a partir das 21:00 horas. O prezo: 12 euros. O ciclo continuará as dúas fin de semana seguintes coas actuacións de Swingzoo, o sábado 23 de abril (entrada libre); e Pablo Sanmamede Trío, o día 30, cun prezo de 10 euros.

Ampla carteleira musical da Limia nos próximos días
Carteis dos concertos de Garza e 'Converxencias', e do ciclo de jazz na Corte dos Bois.

AXENDA | Todos os xéneros musicais na oferta para os próximos días