Carolina Casal Chico, museóloga, conservadora e docente, repite. Álex Gándara e Olaia Tubío, cineastas mozos, están de estrea como mestres. Cristina Varela, Diana Priegue e Jesús García, do Grupo de Investigación Esculca, da Facultade de Humanidades da USC, teñen experiencia dabondo, e reflexionarán sobre a educación na primeira xornada do Programa Universitario de Maiores que volve a Xinzo de Limia o próximo mes de abril.
Varela, Priegue e García abrirán o curso o sábado 2 de abril cun seminario en dúas sesións pola maña para tratar das familias na educación.
A semana seguinte, o día 9, tamén en horario de mañá, Álex Gándara e Olaia Tubío, autoras, entre outros, do documental Dorothé na Vila que toma como base unha investigación musicolóxica de Dorothé Schubart e Antón Santamarina nos anos oitenta, desenvolverán un seminario ao redor do cine documental, o cine do cotiá.
Finalmente, o día 23, Carolina Casal dará a coñecer algúns aspectos das igrexas de San Xoán de Vilar de Santos e Santa Mariña de Xinzo de Limia. Unha pescuda sobre o románico da zona. Casal estivo o ano pasado, na primeira edición do programa, falando da Pedra Alta de Antela e dos Miliarios de Vilariño das Poldras.
O Concello de Xinzo fixo pública hoxe esta iniciativa que pretende, segundo informa o propio Concello, "vincular e amplificar a oferta de estudos universitarios, con criterio de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo da vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores".
Para participar no Programa, a Casa da Cultura ofrécese como punto de información en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:30 horas. Tamén, o teléfono 600 314 155 e o enderezo de correo electrónico [email protected].