jueves. 21.11.2024

Ledicia Prieto (Rairiz de Veiga, 1994) é bióloga e ilustradora científica, Bruno Simón (Medeiros, Monterrei, 1941) é fotógrafo autodidacta. Son os autores da exposición que mañá mércores, 15 de xuño, se inaugura no Museo da Limia (17:30 horas). 

Percepcións, con pinturas de Ledicia Prieto e fotografías de Bruno Simón, ofrece imaxes das fortalezas limiás, as pantallas do entroido e o proceso de elaboración do pan, ademais de ilustracións científicas de flores, moluscos, escaravellos e paxaros, plasmadas con acuarela e técnica dixital, estampas da Saínza traballada con grafito e unha pantalla do entroido de Xinzo, pintada ao óleo.

É unha exposición dual, explican desde o Museo da Limia, “na que os autores entretecen un mañuzo de fotografías e pinturas, estampando, nas pedras que conforman a vella reitoral de Vilar de Santos, un interesante álbum de realismo, matizado pola creatividade da cámara de Bruno e a limpa perfección do puño de Ledicia”.

Ledicia Prieto, lembran os organizadores “intentou sempre unir as súas grandes paixóns, obtendo esta serie de ilustracións científicas que mostran diferentes seres vivos e procesos biolóxicos”. 

Pola súa banda, Bruno Simón trae unha serie de fotos do cotián. Na serie Torres da Limia mostra “unha visión diferente das tres Torres dentro do seu elemento natural: a fermosa chaira coas montañas que a rodean en diferentes épocas do ano”. E noutra serie de fotografías “plasma o proceso de elaboración do pan da maneira máis tradicional posible nun forno de aldea”. Finalmente, a terceira serie mostra o Entroido.

AXENDA | Presentación este mércores da exposición de Ledicia Prieto e Bruno Simón no...