jueves. 21.11.2024

O sábado é o día máis longo. O campamento amence silencioso como calquera praza de calquera aldea despois da primeira noite de festa. Ao mediodía, mentres esperta o mercado e espertan os xogos no parque do Toural, empezan a chegar as autoridades e os convidados. Está unha representante do Concello de Lugo, está o presidente dos Astures y Romanos, a festa histórica de Astorga na que hai uns días participou unha representación da Civitas Limicorum, están as lexións e os grupos que veñen do Arde Lucus e un grupo de Cartaxena, e veu como outros anos, tamén desde Cartaxena, o presidente da asociación española de festas históricas, Alfredo Madrid, coa súa dona, “porque a Xinzo si que me acompaña, gústalle o Esquecemento”, di nos discursos. E nos discursos, Sergio Castrillo, de Astorga, re-interpreta, amábel, a lenda do Esquecemento. “O que quere dicir é que chegas aquí e estas tan ben que esqueces o lugar onde vés”.

O Esquecemento, como as grandes festas, é iso: un burato no tempo, un sábado eterno por diante que comeza cun sentido discurso de Carlos Gómez Salgado, vestido de lexionario, o home que o é todo nesta Festa, que a inventou e sacouna adiante xunto a un puñado de amigos, moitos xa non están. “Roma, Roma, Roma!”, berra ao final convocándoos a todos. A Carlos a organización dálle o casco dourado que simboliza o Premio Bispo Idacio. E Carlos, vestido de romano, reivindica o fondo cultural da Festa e a irmandade que xorde no Esquecemento, unha festa das grandes.

A mañá prosegue na Praza Maior, imposíbel escapar a esta hora do sol, convertida en area de circo romano con catro loitadores teatralizando os combates de gladiadores. É a novidade nesta edición. Unha presentación longa e pelexas áxiles. A xente na Limia, xa se sabe, non ten présa, e menos en sábado de Esquecemento. Demora o xantar. Mais hoxe non hai sesta no campamento. Ás cinco mozas e mozos castrexos van cara o casco vello, hai festa polo día nos locais da noite. Iso ten tamén o Esquecemento, que remexe o tempo. E hoxe o desfile é despois da troula, mais é polo día.

Hoxe (onte) as romanas saen as primeiras e locen máis. Mozas e mozos exhiben esa mocidade que tanto chama a atención do presidente Antonio Madrid, que ten a honra, xunto a súa dona e a representante de Lugo de pechar o desfile das columnas romanas. O público aplaude os coidados vestidos, a orde, o frescor e o vigor. O Esquecemento tamén ten iso, nostalxia, un foxo no tempo. “Roma, Roma, Roma!” é un berro mozo, optimista.

desfile sabado FESQ22 Esquece (85) (FILEminimizer)
Grupo de romanas e romanos, onte durante o desfile, no paso xunto a Praza Maior.

Os castrexos, a afouteza que ferve a sangue, tamén son tribo optimista. Este domingo serán vencidos, colonizados, romanizados ao fin. Así aconteceu, din as fontes históricas. Pasou hai moito tempo, mais o optimismo castrexo non desfalece. A Festa non desfalece. Como constata Antonio Madrid, as festas históricas regresaron en todas partes con moita forza, renovadas e necesarias. Serán tempos escuros, mais en sábado de Esquecemento o tempo non conta. E así, con tempo, a xente rematou a noite achegándose pouco a pouco, sen présas, a escoitar aos Pelepau, un concerto de raíz, fondo, moi sentido e esperado en Xinzo, terra galega até a medula, un recuncho no tempo.

desfile sabado FESQ22 Esquece (71) (FILEminimizer)
Animación castrexa no desfile do sábado do Esquecemento, onte en Xinzo.

O DOMINGO
O acto central do domingo terá lugar no Limia, xunto ao Toural, co Cruce do Río Lethes e a Gran Loita. Será a partir das 17:30 horas. Antes, pola mañá, haberá bautizos castrexos e romanos (12:30 horas, na praza Xoán XXIII). E, para pechar a Festa, pola tarde, o último desfile (19:30 horas) e o Apagado do Lume Sagrado (23:30 horas, no campamento).

#FESQ22 🐺 | Crónica do Sábado – Tempo